A Deputación aprobará en Xunta de Goberno os convenios das residencias para maiores

O Executivo Provincial aprobará en Xunta de Goberno os convenios de Deputación e concellos que garanten que os centros de maiores sexan para os lucenses. De feito, a primeira sesión extraordinaria está convocada para o vindeiro martes.

O Goberno da Deputación estudaba xa esta opción ante a posibilidade de que o Pleno Provincial non apoiase os convenios a pesares de que estes foron aprobados polos concellos nas súas respectivas sesións plenarias. Nalgúns casos por unanimidade, como aconteceu en Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil e Ribadeo, e noutros por maioría e coa abstención do Partido Popular, como sucedeu en Trabada, Pol e A Fonsagrada. Non contaron con ningún voto en contra.

Pero para poder facelo tiña que garantir a legalidade deste acto administrativo e contar con todos os informes que así o acrediten, como finalmente sucede tras as múltiples consultas xurídicas levadas a cabo nos últimos días. Por este motivo, e ante a manifestada intención de votar en contra dos convenios no Pleno Provincial deste venres, feito que impediría o acceso universal dos lucenses ás prazas das súas residencias,  o Goberno da Deputación retirou este asunto da orde do día.

Aprobáraos en dúas Xuntas de Goberno. Cómpre aclarar que a sesión plenaria de hoxe estaba convocada pola urxencia da aprobación dos convenios para poder continuar e axilizar a apertura dos centros de maiores e porque todos os asuntos que superen os 6 millóns (Orzamentos, Plan Único, POS…) teñen que ser aprobados polo Pleno.

Os convenios están valorados en 7,1 millóns, que é o orzamento máximo que tería que achegar a Deputación para o funcionamento dos 6 centros e no caso do 100% da ocupación das 190 prazas de residencia e 90 de centro de día por lucenses con dificultades económicas que contarían con axudas económicas do organismo provincial para garantir o seu acceso ás mesmas.

Balseiro no Pleno da Deputación

Entre os asistentes ao Pleno deste venres, ademais de todos os alcaldes e concelleiros preocupados pola aprobación dos convenios para garantir que o centro de maiores do seu municipio fose para os seus veciños, tamén se atopaba o delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo. A el se referiu o voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, que destacou “está aquí o delegado da Xunta en Lugo, aproveito para saúdalo. Non sei se nos veu a traer ou dar a coñecer algún convenio da Xunta de Galicia coa Deputación de Lugo, ao que se negaron en múltiples ocasións, para financiar as prazas de residencias aos lucenses; ou veu a ver como o Partido Popular destrúe a expectativa de que os veciños de Lugo poidan optar a unha praza de residencia nas súas residencias. É a primeira vez que o vexo preocuparse in situ polas prazas de residencias dos nosos maiores na provincia. É moi significativo que a plana maior do PP, ademais das esferas administrativas nas que goberna, estean hoxe aquí presentes, dicíndolles aos veciños de Lugo que por culpa deles, pois son eles os que manifestaron o seu voto en contra destes convenios, non van ter nin unha soa praza na súa residencia e con independencia da súa situación económica e social”.

Garantías dos convenios

Os convenios recollen o modelo de xestión dos centros de maiores, que non existía. Este foi definido polo presidente e os alcaldes en múltiples reunións conxuntas cos Secretarios e Interventores da Deputación e os concellos para acadar un modelo que cumpra rigorosamente a legalidade ante a nova normativa vixente en materia de contratación e cun obxectivo político conxunto: que os centros de maiores construídos cos fondos públicos de todos os lucenses na Deputación e nos concellos sexan, por xustiza, para todos os veciños da provincia. Este modelo, que é un referente en Europa, garante o seguinte:

1.- as prazas son de xeito preferente para os veciños do concello onde se sitúa o centro de maiores, en segundo termo para os dos municipios limítrofes, Comarca ou bisbarra, e logo para lucenses en xeral.

2.- acceso universal ás prazas, pois todos os veciños, independentemente da súa situación económica, poderán acceder ás mesmas. O custo da praza para os usuarios será en función da súa capacidade económica. A Deputación comprométese cunha achega de ata 600 euros por praza. Se esta cantidade non é suficiente, o organismo provincial asumirá o déficit nos concellos de menos de 5.000 habitantes por seren os de menos recursos económicos. Se os municipios contan cunha poboación maior, este déficit asumirao o concello.

Vantaxes

As vantaxes dos centros de maiores da Deputación nos concellos con respecto aos públicos da Xunta de Galicia son as seguintes:

1.- Os veciños terán praza no seu propio concello ou nun limítrofe, non tendo que abandonar o seu entorno habitual. Moitos veciños están hoxe en residencias fóra do seu municipio e incluso da súa provincia.

2.- Garántese o acceso universal dos veciños da provincia aos centros de maiores da Deputación cos concellos con independencia da súa capacidade económica. Por exemplo, un maior cunha pensión non contributiva contará con toda a axuda pública necesaria para contar cunha praza de residencia ou de centro de día no seu municipio.

3.- Os veciños non terán que esperar tanto tempo pola súa praza, pois non entrarán nunha bolsa autonómica, agardando meses e meses.

Etiquetas