Deputación e 40 concellos da provincia asinarán un convenio para estudar as taxas por ocupación a empresas enerxéticas

O deputado de Cooperación cos concellos, Argelio Fernández Queipo, acompañado de técnicos da Deputación, presentou este luns, no Salón de actos do Pazo de San Marcos, o estudo elaborado polo Executivo Provincial para a posta en marcha dun convenio entre a Deputación e os concellos lucenses interesados, co fin de elaborar unha ordenanza nos municipios na que se estableza a ocupación ás empresas das liñas eléctricas e de gas. O convenio entre a Deputación e os concellos consistirá na contratación conxunta para a realización dun inventario técnico-económico, así como a proposta de tarifas para a imposición e regulación da taxa das instalacións de transporte de enerxía eléctrica e gas por parte dunha empresa especializada. O organismo provincial asumirá o 50% dos custos da contratación e os municipios o outro 50% restante.

Inicialmente, o Goberno da Deputación convidou a todos os concellos da provincia a participar neste convenio, do que ao final adheríronse os seguintes 40 municipios: Alfoz, Baralla, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Guntín, O Incio, Láncara, Lourenzá, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra de Brollón, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Riotorto, Rábade, Sober, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro.

A todos estes concellos, previamente, solicitóuselles información sobre os bens municipais para determinar, de xeito provisional, a lonxitude de ocupación das liñas de tendidos eléctricos sobre os bens de titularidade pública de cada municipio. Con toda esta información, os técnicos da Deputación fixaron un importe de licitación dun mínimo de 3.000 euros para os que teñen menos lonxitude de liñas eléctricas e dun máximo de 6.000 euros para os que máis posúen. 

Coñecida a lonxitude realmente ocupada e a natureza da mesma, poderase determinar o valor derivado dos aproveitamentos no correspondente estudio técnico-económico feito pola empresa adxudicataria. Desta forma fixarase, dun modo bastante aproximado, o importe da taxa, valorando a ocupación dos servizos no dominio público.

Durante o encontro, o deputado e os técnicos provinciais, explicaron aos representantes dos 40 concellos lucenses adheridos os resultados do estudo previo elaborado pola área de Cooperación cos concellos da Deputación, destacando as tipoloxías de liñas eléctricas coas que contan. Nas vindeiras semanas o Executivo Provincial asinará con cada un dos municipios, antes citados, o convenio de colaboración para a realización dese estudo técnico-económico e inventario definitivo co obxectivo de poder redactar canto antes a ordenanza municipal.

Etiquetas