Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Medio Rural investiu en axudas da PAC 91 millóns de euros o ano pasado

Por 10 Abril, 2018Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural pagou o pasado ano máis de 91 millóns de euros en axudas da PAC na provincia de Lugo. En concreto, suman 91.780.190 euros, que supoñen arredor dun 15% máis que a axuda pagada en 2016.

Deste montante global, máis de 71 millóns de euros corresponden aos pagamentos directos do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o resto ás medidas de desenvolvemento rural que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA): Axudas a zonas con limitacións naturais, fomento de medidas agroambientais e da agricultura ecolóxica, e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que estas achegas benefician a preto de 12.500 gandeiros e gandeiras lucenses, a maioría dos cales ingresou xa como media en torno ao 95 por cento do importe das axudas directas que lles corresponden.

Ao respecto, cabe subliñar que a campaña 2017 da PAC continúa aberta, dado que estas tempadas comezan o seu prazo ordinario de pagos o 1 de decembro de cada ano e rematan o 30 de xuño do ano seguinte, aínda que xeralmente a Xunta xestiona o pago de anticipos anteriores á data de inicio.

Paralelamente, a consellería publicou xa a convocatoria de axudas da PAC para o 2018. O prazo para presentar solicitudes está aberto ata o 30 de abril. Entre as novidades que presenta, terá especial incidencia para a provincia o incremento do pago complementario para agricultores mozos, que pasa do 25% ao 50% do importe do pago básico, vantaxe da que poden disfrutar durante cinco anos. Tamén se flexibiliza o período no que poderán solicitar a axuda respecto da data da incorporación, co fin de facilitarlle a súa integración á actividade agraria. Na provincia solicitaron este complemento no 2017 un total de 1.211 gandeiros menores de 40 anos.

Outra novidade salientable atinxe ás axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN) distintas das zonas de montaña, ao incrementarse o número de concellos de modo que na provincia pasan a ser todos excepto Rábade. Ata este ano quedaban excluídos tamén dez concellos da Mariña: Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Xove, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Viveiro e O Vicedo.

O delegado territorial subliñou “a incidencia que teñen as axudas da PAC na renda dos agricultores e gandeiros lucenses, impulsando o futuro dun sector básico na economía da provincia”.

Datos por programas

Os servizos de Medio Rural da Delegación Territorial de Lugo xestionaron durante o pasado ano o pago de 71.740.315 euros de axudas directas, 9.556.452 euros en axudas a explotacións de zonas con limitacións naturais, e 10.483.422 euros en axudas agroambientais e para impulsar a produción ecolóxica.

As axudas directas supoñen o 78% do importe total e inclúen o pago básico, un montante que depende da superficie que se destina á actividade agrogandeira, e o pago verde, que atende a criterios de coidado ambiental e supón aproximadamente o 51% do pago básico. Tamén entran nesta categoría outras axudas como as achegas por animais, para agricultores mozos e pequenos agricultores ou por cultivos proteicos. Na provincia tramitáronse o pasado ano 12.487 expedientes de axudas directas.

En concreto, as liñas con maior contía dentro das axudas directas son o pago básico, con máis de 28 millóns pagados entre preto de 9.000 solicitantes; o pago verde, con 14,6 millóns de euros e máis de 9.000 beneficiarios; 16 millóns de euros destinados a 3.500 gandeiros de vacún de leite, e os 8,3 millóns para explotacións de vacas nutrices.

Datos por comarcas

Polo que respecta á distribución por comarcas, a Terra Chá acapara máis da cuarta parte das axudas pagadas, en concreto o 26% (23,8 millóns de euros). A esta comarca pertence o concello que máis PAC recibe na provincia, o da Pastoriza, con 4,7 millóns de euros.

En segundo lugar sitúase a comarca de Lugo, que recibe o 18,1% das achegas (16,5 millóns de euros). Tamén nesta área atópase o segundo concello con máis investimento, o de Friol, que supera lixeiramente aos de Castro de Rei e Guitiriz, todos eles con máis de 3,5 millóns de euros.

Na comarca de Sarria pagáronse 13,5 millóns de euros, o 14,8% do total, mentres que as comarcas da zona sur asumen o 13,2% do importe das subvencións: Chantada percibe máis de 7 millóns de euros, Terra de Lemos 4,3 millóns e Quiroga 453.000 euros.

Na Mariña abonáronse 6,7 millóns de euros (que representan o 7,3% do total), nos Ancares 6,5 millóns (o 7,2%), na Ulloa 4,3 millóns (o 4,7%), na Fonsagrada 4,2 millóns de euros (o 4,6%), e na comarca de Meira 3,6 millóns de euros (o 4%).