O Pladiga 2018 loitará contra os incendios forestais

A Consellería do Medio Rural procura a máxima implicación da sociedade galega en xeral e das diferentes administracións con competencias na materia para reforzar a prevención e defensa contra os incendios forestais. Este principio inspira a actualización do Pladiga, que presentou o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto.

Neste contexto, o director xeral explicou que a Xunta proporá á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) un acordo para mellorar a xestión da biomasa nas proximidades das vivendas e núcleos de poboación e, consecuentemente, previr e minimizar os danos polos lumes.

Fernández-Couto indicou que Medio Rural é consciente das dificultades –sobre todo económicas– que afrontan os municipios para facer cumprir a normativa sobre incendios. Por iso, a consellería comprométese a cofinanciar os custes das actuacións precisas para manter en condicións as chamadas franxas secundarias.

Contidos do plan
Esta é unha das grandes novidades da política da Xunta en materia de prevención, defensa e extinción de lumes forestais, pero non a única. O director xeral avanzou os principais contidos do renovado Pladiga 2018, que incorpora unha serie de melloras organizativas e tecnolóxicas. Sobre as primeiras, Fernández-Couto sinalou que se centran na posta en valor dos recursos humanos e materiais existentes, procurando a máxima eficacia no traballo das brigadas e tamén dotar de maior seguridade aos traballadores do operativo.

Nesta liña, dixo que este ano, por primeira vez, cubriranse o cen por cento das vacantes do persoal do dispositivo. E avanzou que o Pladiga prevé a posibilidade de aumentar o seu tempo de traballo. En relación coas melloras de carácter tecnolóxico, mencionou por exemplo a implantación dunha rede de vixilancia dos espazos forestais cun total de 34 novas cámaras que estarán distribuídas entre diferentes distritos e localizadas especialmente en parroquias de alta actividade incendiaria. Refórzase así a devandita rede, que contará este ano con 81 postos, incluídas as referidas cámaras.

Ademais, o dispositivo de loita contra o lume contará cun helicóptero dotado con cámaras que transmitirán imaxes e vídeo en tempo real e xeorreferenciadas, o que permitirá comprobar a situación dun determinado lume sobre plano e a súa evolución, algo que, loxicamente, axudará moito na toma de decisións no momento da extinción.

Fernández-Couto sinalou que o Pladiga 2018 busca tamén a máxima implicación da sociedade civil e por iso incorporaranse convenios de colaboración con colectivos como o de cazadores ou os radioafeccionados, especialmente para tarefas de vixilancia e alerta temperá de lumes.

Outra novidade do plan deste ano, segundo relatou o director xeral, ten que ver co incremento do número das parroquias de alta actividade incendiaria (Paai), que pasan das 73 rexistradas no 2017 a 77 no presente ano. Estas Paai son aquelas incluídas en zonas declaradas como de alto risco que, polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia, precisan medidas extraordinarias de prevención de lumes e de protección dos montes fronte aos impactos producidos por eles.

Operativo humano e material
Tomás Fernández-Couto fixo tamén un resumo do operativo desta campaña, que é moi semellante ao dos últimos anos. Así, estará composto por máis de 7.000 efectivos, contabilizando os propios da Xunta, os do Ministerio de Agricultura, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. No que atinxe aos medios materiais, contarase cunha trintena de medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado, e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, e aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.

A maiores, o director xeral deu conta dos obxectivos xerais e específicos (de control) que se marca o Pladiga 2018. Con carácter xenérico, dixo que se procurará reducir ao mínimo posible os danos ambientais, económicos e sociais producidos polos incendios, dentro dos recursos dispoñibles. Entre os fins de control atópanse os de manter o número de lumes maiores de 25 hectáreas por debaixo do 2% do total e o de reducir o número de incendios e a superficie queimada total con respecto á media dos últimos dez anos.

Etiquetas