Skip to main content
Actualidade

Publicados os resultados das probas de selección do Ben Empregado 4

O Goberno da Deputación publicou este venres as puntuacións das 4.200 probas de selección realizadas para os 182 novos postos de traballo do Ben Empregado 4, máis social. Con esta última edición do Ben Empregado, que conta cun investimento provincial de 2,2 millóns de euros, o Executivo Provincial continúa coa súa aposta decidida por xerar emprego de calidade, que blinde os dereitos dos traballadores, en empresas e colectivos lucenses que así o demandan.

As calificacións das entrevistas levadas a cabo polos máis de 1.300 lucenses no paro están publicadas en benempregado.deputacionlugo.org e no taboleiro de anuncios do Pazo de San Marcos. A vindeira semana a Xunta de Goberno aprobará os 182 seleccionados para os postos de traballo, e a continuación, unha vez publicado o Anexo 2, as empresas terán un prazo de 5 días hábiles para realizar as contratacións.

O Ben Empregado 4, máis social inclúe axudas dun máximo de 22.000 euros, dirixidas a empresas e colectivos de toda a provincia, para a contratación, durante 1 ano, de novos traballadores cos que, ademais de facer fronte ao taxa de paro, contribúese á actividade de autónomos, PEMES e asociacións lucenses. O organismo provincial asume ao 100% os custes laborais de 19 traballadores con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral, ao 90% a contratación de 39 novos empregados en asociacións da provincia e o 50% de124 traballadores en xeral.