Skip to main content
ActualidadeMuras

Sen Malas Pulgas, un proxecto para recuperar o fogar

Por 13 Maio, 2018Sin comentarios

Unha nova iniciativa xurdiu estes días en Muras. Tres rapazas da zona de Muras crearon unha páxina en Facebook coa idea de poder difundir e atopar fogar aos cans que aparecen abandoados ou perdidos no Concello de Muras.

Son un pequeno colectivo chamado Sen Malas Pulgas cuxo obxectivo é conseguir segundas oportunidades para estes animais, que polo momento só coñecen a perda e o abandono. A misión é que saiban o que é un fogar dunha vez e para sempre. Tamén pretenden que sexa un medio que permita chegar a moita xente, xa sexa para atopar novas casas a estos peludos animais ou para axudarlles a volver ás súas no caso de que só estén perdidos.

“Dende hai tempo aparecen moitos animais abandonados ou perdidos en Muras e en todo momento o Concello facíase cargo deles, levándoos para as súas canceiras, e dandolles un teito onde resguardarse e alimentos. O que pasa é que estes casos non se difundían, co cal, estaban sempre alí, ninguén podería adoptalos. Incluso a xente dos concellos limítrofes non sabe se estes cans están nas canceiras”, di Romina, unha das creadoras do proxecto.

O problema que teñen de momento é que son cans moi grandes, así que necesitan unha casa con finca ou similar. Pero de momento, estas rapazas están moi contentas cos resultados acadados, ademais os días que non poden ir os responsables do Concello, elas encárganse de visitalos, pasealos e  alegrarlles a vida un pouquiño a este peludos compañeiros. Aproveitan estas visitas para socializar con eles e sacarlles fotos para difundilas e que a xente os poida ver e adoptar nalgún caso.

Iranse publicando tanto os casos que existen neste momento como todos os que vaian aparecendo. Ademais a adopción é gratuíta, xa que o Concello sufraga ese gasto, e os animais entregaranse castrados, desparasitados, vacinados e chipeados. Así que calquera persoa interesada pode poñerse en contacto co número 669 26 40 50, no facebook Sen Malas Pulgas – Muras ou por correo electrónico senmalaspulgas@gmail.com.