Skip to main content
ActualidadeLugo

A Deputación reúne a todos os beneficiados co Ben Empregado 4

Por 16 Maio, 2018Sin comentarios

O Presidente da Deputación, Darío Campos, recibiu e na Praza de San Marcos aos 154 lucenses actualmente no paro que retoman a súa traxectoria laboral noutras empresas e colectivos sociais da provincia grazas ao Ben Empregado 4, máis social. Fíxoo na xornada na que traballadores e empresas se coñeceron antes de formalizar durante os vindeiros 5 días os seus contratos. O 10% dos mesmos serán indefinidos e o 90% a xornada completa segundo o compromiso asumido polas entidades participantes. No acto tamén participaron a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos.

Campos Conde destacou que “na primeira e segunda edición do Ben Empregado conseguimos unha inserción laboral do 35%, é dicir, que 171 persoas continúan a día de hoxe nos seus postos de traballo cando xa rematou o período de 1 ano subvencionable por parte da Deputación. Agardamos que este alto nivel de inserción laboral, que non acadan os plans de calquera outra institución, siga a medrar. Para iso, é imprescindible a implicación, non só deste Goberno da Deputación coa que contades, senón de empresarios e traballadores. Xuntos podemos demostrar que é posible facer fronte ao paro con políticas que verdadeiramente xeren empregos dignos e de calidade. Xuntos podemos demostrar que o emprego non ten por que ser precario, por poucas horas, sen conciliación, con salarios claramente insuficiente para vivir…que é o que, por desgraza, vemos que son os que as administracións coas competencias directas, Xunta de Galicia e Goberno Central, están a incentivar. Co Ben Empregado demostramos que outras políticas de emprego son posibles”. Compre lembrar que, dos case 20.000 contratos que se asinaron no primeiro trimestre de 2018 na provincia, o 87,3% son temporais, algúns só de 1 día e ata de horas, situación a que tenta facerlle fronte, na medida das súas posibilidades, a Deputación aínda que carece de competencias en materia de emprego.

“Nós cremos no talento, a intelixencia e a capacidade da nosa xente e por iso investimos 2,2 millóns de euros nesta última edición deste plan de emprego. Pensamos que non hai investimento mellor que o que axuda ás persoas a ter un traballo digno e ás pemes, autónomos e asociacións lucenses a aumentar a súa actividade, o que redunda en beneficio de toda a provincia”, destacou Campos Conde. 

A testemuña dun participante, que simboliza a esencia do Ben Empregado

Na primeira toma de contacto entre os novos traballadores e as súas empresas tamén interviu Xosé Lois Lamazares, o coordinador da empresa chantadina Lugar da Veiga, unha empresa de éxito que ten participado en anteriores edicións do Ben Empregado e que simboliza os valores polos que aposta a Deputación. Lugar da Veiga contratou 3 traballadores, que continúan na empresa, a través do Ben Empregado. Esta empresa incluída polo xornalFinancial Times” nunha lista das mil empresas que máis medran en Europa é un exemplo dos valores e do compromiso social que defende a Deputación e que son a esencia do Ben Empregado.

“A nosa valoración deste programa é moi positiva, xa que coas tres persoas que se incorporaron á empresa puidemos crear estrutura. Nós non solicitamos subvención para contratar postos de traballo propios da empresa, penso que os postos básicos ten que defendelos o propio proxecto, senón que aproveitamos a axuda para a creación de estrutura, algo que é complicado por falta de recursos pero pódese facer coa axuda de este programa”, explicou Xosé Lois Lamazares, que tamén detallou o funcionamento da sociedade,  que se caracteriza polo elevado grao de participación e compromiso dos socios e traballadores.

“Levamos desde 2005 e hoxe somos un proxecto consolidado vinculado á economía social, anímovos a incorporar a filosofía da economía social ás vosas empresas porque vai ser rendible”, rematou o coordinador de Lugar da Veiga.

Oferta de 27 novos postos de traballo

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, anunciou que hoxe mesmo publicouse a relación de 27 novos postos que quedaron vacantes, de maneira que calquera desempregado lucense poderá inscribirse para optar a estas prazas na Axencia de Colocación da Deputación. As persoas interesadas poden apuntarse presencialmente na propia Axencia ou ben telemáticamente a través da páxina web http://benempregado.deputacionlugo.org/index.php.

López Izquierdo tamén instou aos empresarios participantes no Ben Empregado 4 a fomentar a motivación dos seus traballadores e a asumir os principios de corresponsabilidade. Ademais, a Deputada de Promoción Económica e Social lembrou que “dende a Deputación defendemos o dereito dos traballadores a unhas condicións laborais e un salario dignos, polo que fomos unha administración pioneira no establecemento de cláusulas sociais nos contratos coas empresas que nos prestan servizos”. E tamén destacou que “consideramos fundamental detectar as necesidades do posto de traballo e ofertar un perfil acorde con él. Neste sentido, na Deputación podemos axudar a través da Axencia de Colocación, os nosos técnicos poden axudar a definir o perfil e buscar o candidato máis adecuado”

Axudas de ata 22.000 euros

O Ben Empregado 4, máis social inclúe axudas dun máximo de 22.000 euros, dirixidas a empresas e colectivos de toda a provincia, para a contratación, durante 1 ano, de novos traballadores cos que, ademais de facer fronte á taxa de paro, contribúese á actividade de autónomos, PEMES e asociacións lucenses. O organismo provincial asume ao 100% os custes laborais de 19 traballadores con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral, ao 90% a contratación de 39 novos empregados en asociacións da provincia e o 50% de123 traballadores en xeral.

Dos 154 novos postos de traballo, 79 son en empresas e colectivos sen ánimo de lucro de concellos da Comarca de Lugo, 24 da Comarca da Terra Chá, 18 en Concellos de Lemos e Chantada, 11 son na Mariña, 10 na da Montaña, 9 na de Sarria e 3 na da Ulloa.

Terra Chá

A distribución dos 24 novos empregos que o Goberno da Deputación xera en 5 Concellos da Comarca da Terra Chá son os seguintes:

Son 18 empresas as que contratarán a 16 desempregos lucenses en xeral, que recibirán polo tanto o 50% da axuda económica da Deputación para os custos laborais dos novos traballadores: en Abadín, 1 auxiliar de produción en viveiro de plantas;  en Castro de Rei, 1 mecánico-recambista, 1 axudante de cociña; en Cospeito, 1 palista, 1 dependente/a, 1 albanel; en Meira, 1 repartidor, 1 oficial de servizos; en Vilalba, 1 dependente, 1 axudante camareiro, 1 dependente/a, 1 axudante de camareiro/a, 1 auxiliar administrativo/a, 1 pintor, 1 camareiro/a, 1 peón fabricación de queixos.

Son 4 empresas as que contratarán a 4 desempregados lucenses con capacidades diferentes ou de colectivos máis vulnerables, que recibirán polo tanto o 100% da axuda económica da Deputación para os custos laborais dos novos traballadores: en Castro de Rei, 1 dependente e 1 peón limpeza; en Vilalba, 1 administrativo e 1 camareiro/a.

– Son 2 os colectivos sen ánimo de lucro que contratarán a 2 desempregados lucenses e recibirán o 90% da axuda económica da Deputación para os custos laborais dos novos traballadores: en Vilalba, 1 oficial administrativo e 1 xestor/a deportivo taekwondo.