Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

O Vía Crucis de Santa Locaia

Por 12 Xuño, 2018Sin comentarios

Por Miriam Fernández

Ademais dos magníficos exemplos en canto a igrexas e capelas que podemos atopar nos distintos recunchos da Chaira, en certos lugares existen tamén outros elementos patrimoniais vinculados ó culto relixioso cristián nos que compre reparar, pois a súa presenza singulariza o entorno que os acolle, axudándonos a comprender e a coñecer a historia e costumes dos nosos devanceiros.

Neste caso a nosa atención torna cara a parroquia de Santa Locaia, situada no Concello de Castro de Rei, a poucos kilómetros do núcleo urbano do municipio e da estrada LU-120 que une Vilalba e Meira. Esta freguesía, de tradición labrega e gandeira como a maioría das chairegas, destaca principalmente polo seu patrimonio concentrado onde a igrexa e o seu entorno inmediato, no cal atopamos un fermoso Vía Crucis e un impoñente monumento adicado ó Sacro Corazón de Xesús.

No amplo e coidado adro ergese a igrexa de estilo popular dunha soa nave, presbiterio elevado e sacristía posterior, con muros caleados de branco e silueta dos perpiaños das esquinas, ventás e zócalo en tons grisáceos. A fachada principal está coroada por un traballado campanario granítico de dous corpos e dúas campás.

Fronte a esta fachada encontramos unas escaleiras xunto as que comeza o afamado Vía Crucis ou “camiño da Cruz”, o cal representa os diferentes momentos da Paixón de Cristo dende que foi apreixado ata a súa morte, rememorados comunitariamente nesta parroquia todos os primeiros domingos de Coresma e Venres Santos. Está composto por 14 cruces que se distribúen dende o camposanto ó longo dun camiño que ascende ata o alto dun pequeno monte, cubrindo unha distancia de 500 metros aproximadamente. As cruces deste Calvario, elevadas sobre peanas troncopiramidais de cachotaría, están realizadas en granito e presentan bases numeradas, cun medallón de bronce na parte superior onde podemos apreciar as “estacións” ou escenas da Paixón. Na súa construción participaron os veciños da parroquia e foi instaurado por D. Fernando Quiroga Palacios, bispo da diocese de Mondoñedo entre os anos 1945 e 1949.

Como ben apuntaba o benquerido Xosé Manuel Carballo, pode identificarse coma o Vía Crucis máis monumental de Galicia, o cal que culmina cun monumento adicado ó Sacro Corazón de Xesús construído con anterioridade (no ano 1931), composto por un piar e unha imaxe de granito de 15 e 2,80 metros de altura respectivamente, colocado xusto no centro do curuto do monte, dende onde podemos observar unha fermosa panorámica da contorna.

Certamente todo aquel que se achega este conxunto monumental queda abraiado pola fermosura do lugar, o aproveitamento da pendente para representación do Calvario e o remate do camiño nese espazo de descanso e reflexión presidido polo Corazón de Xesús, todo articulado perfectamente nunha meditada composición mística e teatral.

Resistindo ó paso do tempo e os desafortunados actos vandálicos, o Vía Crucis e o Monumento do Sacro Corazón de Xesús de Santa Leocaia lograron alcanzar e perpetuar  esa perfecta simbiose entre simboloxía relixiosa, arte e natureza que aproveita a orografía da parroquia e deste enclave singular, no cal algúns historiadores se aventuraron a localizar o mítico Monte Medulio, onde no ano 22 a. C os guerreiros galaicos, cántabros e astures libraron a última batalla fronte os conquistadores romanos.