Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Un inglés en Lugo

Por 12 Xuño, 2018Sin comentarios

Por Pablo Veiga

máis de mil quilómetros do País, en plenas vacacións de semana santa, a un sorprendeulle unha mala nova, o falecemento con só 38 anos dunha persoa coñecida, un home inglés, chamado Neil Wykes, que residía na cidade de Lugo desde había tempo. Á sorpresa e incredulidade inicial, sumáronse sentimentos de pena e dolor, primeiro pola morte en si dun rapaz desa idade e cheo de vida; en segundo termo, para aqueles que tivemos a sorte de chegalo a tratar, en maior ou menor medida, pola pegada que deixou en todos nosoutros.

Neil era coñecido por patrocinar unha iniciativa denominada “Lugo Language Exchange (LLX)”, que consistía basicamente en crear un espazo onde se misturaban xentes chegadas doutras latitudes coas de aquí, lugar no cal se podían escoitar distintos idiomas e visualizar diversas culturas. Os martes pola noite, nun bar dentro de murallas,  citábanse ducias de mozas e mozos que viñan cursar os seus estudos universitarios ó abeiro de programas como o Erasmus, profesores nativos, británicos e americanos, que son contratados como asistentes de conversación nos nosos colexios e institutos, ou algúns como un servidor, que mentres tomaban algo aproveitaban para practicar o seu básico inglés. Semana tras semana, sen faltar nin o primeiro martes, este proxecto levávase a cabo e estaba plenamente consolidado. Unha idea brillante que contribuiu  a facer amizades a aqueles que viñan de lonxe, -nalgúns casos, incluso algo máis -, facilitándolles a integración nun entorno ó que eran alleos. Semellaba unha auténtica torre de Babel, con múltiples acentos, na cal todos remataban por entenderse, derrubando calquera muro que se puidese interpoñer, empezando polas diferenzas lingüísticas e culturais dos participantes.

De Neil Wykes descoñecía cales eran as súas crenzas e ideoloxías; tampouco me importaban. Se me decido a escribir nesta columna sobre el é porque, dentro do pouco que o coñecín, xeroume admiración. Neil fixo a viaxe inversa á que realizaron no pasado moitos galegos na busca de oportunidades e dun futuro que acó se lles negaba, e á que están a facer na actualidade outros moitos por semellantes motivos. El chegou e asentouse aquí, onde estaba a desenvolver o seu proxecto de vida, tanto no aspecto persoal como profesional. Non cabía dúbida do seu carácter emprendedor e da súa mentalidade aberta. Foi quen de falar un máis que aceptable galego. Amaba a lingua e esforzábase por mellorar a súa aprendizaxe, acudindo á Escola Oficial de Idiomas para elo. E tamén tivo curiosidade pola nosa cultura e tradicións. Un inglés que apostaba por Lugo e por Galicia, de aí que fose un personaxe recoñecido e un referente. O seu aspecto físico tan peculiar, con eses rizados cabelos alborotados e sobre todo, o rasgo máis característico, o inconfundible sorriso, quedarán presentes naqueles que tivemos a sorte de coincidir con el.

Foise un que sen dúbida está na nómina dos bos e xenerosos. Que a terra che sexa leve. Viñeches dunha lonxana e remataches na Nosa, á que quixeches e que te quixo.

Thank you, Neil. Wherever you are, see you.