Comenzan os traballos de desbroce en estradas da provincia

O vicepresidente da Deputación e deputado de Vías e Obras, Argelio Fernández Queipo, informou que deron comezo os traballos de acondicionamento da rede viaria provincial coa posta en marcha dos primeiros traballos do Plan de roza e desbroce de malezas que leva a cabo este verán a Deputación e para os que xa está aprobado un investimento que supera os 700.000 euros en 52 Concellos da provincia.

Segundo anunciou Fernández Queipo, os traballos comezaron este mesmo luns e prolongaranse nas vindeiras semanas ata ter acondicionada a totalidade da extensa rede viaria dependente da Deputación que atravesa toda a provincia. “Coa execución destes traballos, adxudicados a autónomos e pequenas empresas, case todas da provincia de Lugo, cumprimos co obxectivo de poñer a punto para o verán as nosas estradas, que forman a rede provincial máis extensa de España, con 4.300 quilómetros”, destacou o Deputado. Tamén fixo fincapé na importancia do Plan de roza e desbroce de malezas, ao que o Goberno provincial reserva un cuantioso investimento “que é moi necesario porque grazas a esta actuación melloramos a seguridade dos condutores que circulan polas nosas estradas, ao facilitar a visibilidade na rede viaria e reducir o risco de avance das lapas no caso de producirse un incendio forestal, ao tempo que xeramos traballo do que se benefician moitos autónomos e pequenos empresarios da provincia”.

Os traballos de roza comezaron xa na comarca da Mariña. Este luns comezaron os labores de limpeza de malezas nas estradas de 5 Concellos, Burela, Cervo, O Valadouro, Foz, Alfoz. En total, nesta primeira xornada fixéronse labores de roza en 187,5 km. Hoxe comezan os traballos noutros 4 municipios, O Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol. Nas dúas xornadas limparanse en total 238 quilómetros de estradas.

O Goberno da Deputación xa adxudicou, cun investimento total de 705.611 euros os labores de roza na rede viaria provincial ao seu paso por 52 Concellos: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro, Alfoz, Muras, Xermade, Vilalba, Castro de Rei, Pol, Meira, Friol, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, Palas de Rei, Páramo, Paradela, Sarria, O Incio, Triacastela, Samos, Taboada, O Saviñao, Chantada, Carballedo, Pantón, Sober, A Pontenova, Riotorto, A Pastoriza, Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz, Begonte, Castroverde, O Corgo, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, Becerreá, As Nogais, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Quiroga, Ribas do Sil, Bóveda, Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Lugo e Guntín.

Etiquetas