Skip to main content
Actualidade

A Xunta abre unha liña de axudas para loitar pola igualdade

Por 28 Xuño, 2018Sin comentarios

Os concellos da provincia de Lugo van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de máis de 580.000 euros para a posta en marcha de distintas accións de promoción da igualdade real entre mulleres e homes.

Así o explicaron hoxe a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, nunha rolda de prensa na que detallaron os resultados desta convocatoria de axudas.

As axudas distribúense en tres liñas de actuación: apoio aos Centros de Información á Muller (CIM), fomento da conciliación prevención e tratamento integral da violencia de xénero. En total serán 45 concellos lucenses os beneficiarios destas achegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Das tres liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos CIMs é a de maior dotación, cunha contía que ascende na provincia a 471.116 euros, que se distribúen en 11 centros situados en Burela, Palas de Rei, Sarria, Monforte de Lemos, Chantada, Ribadeo, Mondoñedo, Quiroga, Lugo, Viveiro e Vilalba. Salvo os tres últimos, os demais están agrupados con outros municipios da contorna, polo que en total os concellos beneficiados ascenden a 35.

Estas subvencións destinaranse ao financiamento dos custos de persoal, mantemento e dinamización destes centros. A maior parte axudará a manter ás 28 persoas que traballan nos centros da provincia en postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica ou como axentes de igualdade ou de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Por outra banda, a liña de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar contará con preto de 106.000 euros para financiar accións en 11 entidades locais (15 sumando os agrupados).  Son os de Mondoñedo, que ten agrupados os municipios de Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto; e os de Outeiro de Rei, Pol, Xove, O Valadouro, Alfoz, Castro de Rei, Guitiriz, Taboada, Rábade e Xermade. Ao respecto, a secretaria xeral adiantou que esta liña se vai incrementar dada a elevada demanda rexistrada este ano por parte dos concellos.

A secretaria avanzou que proximamente esta liña verá ampliado o seu crédito incorporando as solicitudes en lista de agarda dos concellos de Ourol, Palas de Rei e Baralla que promoverán distintos programas de conciliación e campamentos este verán.

Xa por último, destinaranse 5.239 euros ao programa de prevención e tratamento integral de violencia de xénero que desenvolve o concello de Guitiriz. Ao abeiro desta liña, fináncianse accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e as súas persoas dependentes; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.

Máis información neste enlace