Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Claves do éxito para a baixada de peso

Por 6 Xullo, 2018Sin comentarios

Por Marta P. Fandiño

Poñerse a dieta resulta tremendamente común na actualidade pero lamentablemente é igual de popular o abandono da mesma e a volta ós hábitos de consumo anteriores, o que da lugar ó temido efecto rebote no que o aumento de peso a miúdo supera as cifras iniciais.

Cada intento de baixar uns quilos, e de novo recuperalos, provoca unha gran frustración movida por unha maior perda de confianza nun mesmo, o que reduce as posibilidades de conseguir resultados definitivos na próxima dieta.

As causas de abandono máis comúns son o aburrimento por seguir unha alimentación monótona e algo insípida, vergonza ou frustración por non conseguir os obxectivos desexados, estrés e ansiedade por algún cambio da vida ou aumento de traballo, así coma a imposibilidade de cumprir altas expectativas.

É común que as persoas con sobrepeso ou obesidade, se culpen a si mesmas polo fracaso da dieta, debido a que deixou de funcionar cando non continuaron cás pautas establecidas, pero o certo é que as dietas moi estritas e restritivas son imposibles de manter de por vida, polo que antes ou despois acabarán por fracasar.

Para evitar volver a caer nestes erros é recomendable planificar ben a baixada de peso, para isto o máis importante é estar preparado. Aínda que parece algo sinxelo e bastante lóxico a hora de poñer inicio a un plan dietético, non sempre se acude a un profesional coa motivación precisa ou axeitada para realizar dito cambio. Contentar a parella ou a algún familiar pode ser un motivo común na consulta de nutrición, non obstante é unha motivación errónea, posto que durante o proceso da baixada de peso é común que aparezan pequenas dificultades, ou semanas nas que os resultados da báscula non sexan os esperados; isto pode levar a unha sensación de decepciono cara o familiar en cuestión, ocasionando unha maior frustración persoal e polo tanto maior posibilidade de abandono da pauta nutricional.

Os mellores motivos son os pautados por un mesmo para mellorar o seu día a día ou para poder facer cousas que lle impide ou limita o seu peso corporal. Mellorar o estado físico para así reducir o cansazo, diminuír molestias articulares ou retomar un determinado deporte, mellorar o sono nocturno, poder xogar con fillos ou netos, reducir niveis de azucre ou colesterol sanguíneo, mellorar a autoestima ou saír máis da casa son bos motivos para comezar.

Ter os obxectivos claros tamén é importante para evitar frustracións. O recomendable é unha perda de peso entre 2 e 4 kg o mes, e aínda que pode parecer pouco, por encima de esas perdas é mais complicado manter o peso perdido a longo prazo.

Unha vez establecidos os motivos e obxectivos, débese escoller a pauta nutricional adoitada. Neste punto, a elección dunha dieta milagre pode botar pola borda o obxectivo final, polo que débese fuxir de dietas que prometan resultados moi rápidos, que prohiban algún grupo de alimentos, que impidan ou limiten a inxestión de froitas ou que inclúan súper alimentos, batidos ou outros suplementos nutricionais.

Antes de empezar unha nova alimentación hai que valorar se é posible continuar a dieta proposta durante toda a vida, tendo en conta o aburrimento pero tamén o estado de saúde ó que leve dita alimentación. Un claro exemplo son ás dietas hiperproteicas, que seguidas a longo prazo poden provocar problemas de saúde, polo que a súa elección debe descartarse.

A mellor opción é cambiar os hábitos nutricionais e así, partindo das rutinas propias ir cambiando, eliminando ou incluíndo alimentos de maneira progresiva e creando novas rutinas, para así manter os cambios a longo prazo. Ademais este tipo de pautas impiden pasar fame e inclúen alimentos coma pastas, pan, legumes e froitas entre os seus compoñentes, permitindo igualmente unha baixada de peso. Para garantir o seu funcionamento debe ser unha pauta adaptada ó día a día do implicado, ós seus horarios, traballo, gustos, vida social… en resumo unha educación nutricional personalizada có apoio dun nutricionista titulado.