Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Pepe de Lagares, taxista e fotógrafo

Por 6 Xullo, 2018Sin comentarios

Por Raul Río

Xosé Castro Paz naceu a víspera da Noiteboa de 1930; foi o primeiro dos irmáns que naceu na casa que seus pais fixeron no lugar do Pazo ao volver da emigración Arxentina e que xusto se inaugurou ese día; pois Ánxel naceu na casa que tiñan na Tiñaz antes de partir para a emigración, Florinda ao pouco de chegar ao país da prata e Sarita veu dalí con so dous meses de idade.

Pepe de Lagares -como era mais coñecido-, desde unha curta idade xa tiña inquedanzas de negociante, pois, como tiña cantina na casa, seica na escola aproveitaba para venderlles pedras de chisqueiro aos cativos mais maiores que xa fumaban.

Tamén era moi afeccionado as troitas e de mozo tivo un accidente moi grave que lle deixaron secuelas de por vida, pois un día de ciclón foi xunto de Abelardo do Carbueiro por unha caña para ir a pescar, pero ao pasar pola Costa do Pazo o forte vento tiroulle encima un hórreo de madeira que tiña alí Benedicto da Locencia, que xa estaba en Guitiriz, e para que o socorresen tivo que ir uns corenta metros arrastras ata a casa de Sara.

Ao igual que outros mozos vilaregos, tivo ansias de buscarse a vida por medio de varios negocios; así que a primeiros dos anos cincuenta mercou unha máquina fotográfica coa que fotografiaba a todos os soldados que pasaban polo Campamento de Santa Cruz de Parga e mais tarde mercou unha moto Guzzi, para desprazarse ao Campamento e a Lugo, a revelar as fotos en “Foto Grandío”, na rúa Conde Pallares.

O negocio ía moi ben ata que un día, por ser inimigo das inxustizas, sacou unhas fotos a un mando militar pegando aos recrutas, pois aquelas fotos supuxeron un problema para el e non para o militar agresor, xa que a partir dese día o Xeneral prohibiulle entrar no Campamento, aínda que el seguiu sacando fotos aos recrutas cando saían fora do recinto militar.

Nos anos sesenta seguía co oficio de fotógrafo en comunións, vodas, cada vez en menos enterros, e no campamento, pero ademais fíxose con un Seat 600, co que puxo unha praza de taxi en Guitiriz. En 1964, cando me examinei para o ingreso na Escola de Mestría Industrial de Lugo, montamos nel e alá nos fomos todos contentos: O mestre, don Andres Pérez Carballeira, meu pai e eu. Sen embargo ao volver xa non tíñamos tanta ledicia, pois no exame de debuxo, no que don Andrés tiña moitas esperanzas porque pensaba que se trataba de debuxo artístico, pero ao ser debuxo técnico non dei pe con bola, polo que don Pedro, profesor desa materia, preguntoume quen era o patrón da miña parroquia, eu díxenlle que San Vicenzo e sen cortarse un pelo díxome: “Pois reza a San Vicenzo porque desta vez non aprobas”.

A partir de aí empezou a facer viaxes a Lugo con el, ata que foi mellorando e mercou unha DKV Mercedes Benz coa que logo carretaba xente para as feiras de Parga, os mercados de Guitiriz e para todas as festas do arredor; sen límite de prazas, porque metía nela toda a xente que collera; íamos de pé e todos apertados, pero moi ledos. Temos ido e vido dalgunha festa cerca de trinta persoas e con ela incluso lle facía a competencia o autobús de liña, pois cobraba o mesmo e procuraba pasar un pouco antes polas paradas, a xente íase con el e non agardaba polo “Ribadeo”. Con esa furgoneta tamén empezou a facer viaxes a Sestao e Barakaldo cando o contrataban.

As funcións dos oficios de taxista e fotógrafo eran perfectamente complementarias, xa que despois de levar os mozos e mozas á feira ou as festas aproveitaba para facerlles fotos coa parella que tivera cada un e despois volvía a traelos de volta para a casa.

Foi un dos personaxes mais populares da parroquia dos Vilares e a historia da súa vida está chea de anécdotas a cada cal mais curiosa, como nos anos sesenta, cando a estrada que vai de Guitiriz ao Carpazón estaba toda chea de fochancas e unha vez que o cura, don Celestino, o alugou para ir a Guitiriz, meteu unha eixada na furgoneta e ao chegar á Chousa Grande pediulle que se baixara, que remangara a sotana e que fixera como que a estaba reparando, sacou unha foto e mandouna como denuncia ao diario “El Progreso”, por si lles daba vergoña aos responsables políticos e se dignaban reparala.

Unha vez estaba na cantina da estación de Guitiriz con un cliente, ao que levara a coller o tren para Bilbao e outro home que o cliente non coñecía; o viaxeiro tiña presa en montar no tren, que acababa de chegar á estación e Pepe díxolle que non se preocupara porque o tren non se iría mentres el non se embarcara, pero como seguía insistindo en querer montarse díxolle: “Pero si este home que está aquí con nós é o xefe de estación, o que lle ten que dar a saída ó tren, como se vai ir sen ti?”

Era un home moi alegre e capaz de rirse de si mesmo. Contaba as anécdotas moi serio pero con moita gracia. Unha das últimas que lle sucederon foi cando ía na furgoneta cara a Monfero e nunha curva moi pechada, na que había unha ponte, atopouse con un motorista que viña de fronte e, como non collían os dous por ser moi estreita, para non chocar con el meteu a DKW contra o petril. El e mais o parabrisas saíron despedidos pola parte dianteira, facéndose na cara e na cabeza unha chea de feridas, e queixándose do seu mal fado dicía: “Mira si teño mala sorte! Eu caín de cabeza entre as silvas, nunhas pedras á beira do río e o parabrisas, que saíu diante de min, caeu dous metros mais adiante nun prado. Sen romperse nin nada!”