Skip to main content
ActualidadeVilalba

Arrinca en Vilalba a Xira dentro do programa festivo

Por 24 Agosto, 2018Sin comentarios

Hoxe darán comezo os tres días de Xira para os máis mozos. Para eles, como novidade, haberá un concerto de rock vilalbés na propia área recreativa a mesma noite do inicio. Foron invitados a participar todos os grupos da localidade pero por diferentes circunstancias persoais só puideron participar uns cuantos. Así, a partir das 21.30 horas actuarán os rapeiros Chocolay e 27800 Mafia. Sobre as 23.00 horas será a vez dos grupos de rock con Conducto Coloquio e Black Vintage.

O sábado continuará a festa na Madalena comezando ás 14.00 horas coa sesión vermú amenizada polas orquestras Fin de Siglo e Essencia, as mesmas que se encargarán da verbena a partir das 22.30 horas.

Entre as dúas actuacións musicais haberá tempo para os deportes tradicionais cunha mostra interactiva de Xotramu sobre xogos tradicionais e o partido de fútbol do Rácing Vilalbés contra o Porriño ás 18.30 horas.

Tras o sábado, día de máxima festa, virá un domingo no que o cansazo espérase que faga o seu traballo e que deixe aos festeiros con menos ímpetu, razón pola que só haberá música en sesión vermú a partir das 14.15 horas e se prolongará ata media tarde para evitar a celebración da verbena.

A orquestra que se ocupará da música, América SL estará acompañada pola Charanga de Vilalba CDV.

Espérase novamente que a festa reúna a miles de mozos e mozas que todos os anos toman a área recreativa ao asento instalando carpas e cabañas onde pasar a noite e vivindo durante tres días ininterrompidos unha das celebracións máis tradicionais das festas de San Ramón.

A Xira para maiores celebrouse o pasado mércores.

NON AO SEXISMO

A Concelleira de Benestar Social, Familia, Muller e Emprego do Concello de Vilalba, Flor Rey Martínez, participou na presentación dunha campaña para previr as agresións sexuais na popular festa da Xira. A campaña leva por lema DE XIRA SEN AGRESIÓNS SEXISTAS, NON É NON e incluirá carteis cos que se pretende deixar claro que comportamentos non caben nas festas. Esta campaña busca a sensibilización cidadá contra as agresións sexistas.

O obxectivo é concienciar á cidadanía sobre o respecto e a igualdade, especialmente en ambientes festivos onde se pode rexistrar unha maior incidencia de comportamentos inadecuados, acoso ou agresións sexuais.

Anima ás persoas que sufran ou presencien algunha agresión sexista a denuncialo aos teléfonos de emerxencia e ás forzas e corpos de seguridade, e estabrece un Punto de axuda, atención e asesoramento ás vítimas no posto de Cruz Vermella.

Un ano máis a Xira servirá de prólogo ás festas de San Ramón e Santa María con catro días de festa rachada na que a xente moza da vila ten o maior protagonismo con música e moita diversión.