O sábado remata o prazo para sumarse ao programa Proscenio

Continúa aberto o prazo, ata este sábado 8 de setembro, para participar nas axudas que promove o Goberno da Deputación ao teatro profesional da provincia, a través do programa Proscenio. Na web da Deputación (www.deputacionlugo.gal) está toda a información para complementar sobre esta nova convocatoria.

Proscenio está dirixido as compañías profesionais de teatro de carácter privado e con domicilio fiscal na provincia de Lugo, e conta cun investimento do organismo provincial de 25.000 euros. A través deste novo proxecto ademais de incentivar as compañías lucenses, contribuímos en mellorar a programación cultural, ofrecendo teatro profesional por toda a provincia e para que sexa asequible a todos os públicos.

O calendario de actuacións de representación das compañías lucenses será dende o 1 de novembro ata o 31 de decembro de 2018, e o caché de cada representación dependerá da tipoloxía e natureza das obras, que oscilarán como máximo entre os 4.000 e os 5.500 euros. Os Concellos ou Asociacións sen ánimo de lucro que desexen participar nesta iniciativa deberán aportar o 50% de cada actuación, e o restante correrá a cargo da Deputación.

O CENTRAD acolleu este martes, día 4 de setembro, a xuntanza de traballo entre os grupos de teatro, as asociacións e os programadores dos Concellos na que se avanzou sobre a axenda de espectáculos que van presentar, co fin de poñer en común toda a programación das diferentes compañías lucenses que participan neste proxecto da Deputación.

Para realizar o calendario de PROSCENIO, a Deputación comprometese a constituír unha comisión técnica que será encargada de analizar a presentación de solicitudes, tanto das peticións de actuacións nos diferentes Concellos e Asociacións, como as inscricións dos grupos de teatro de acordo co establecido nas bases deste convocatoria. Ademais, esta comisión tamén será a encargada de encaixar as necesidades dos Concellos, asociacións e dos grupos teatrais.

Etiquetas