Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Medio Rural amplía os prazos para presentar as licenzas dos plan de mellora

Por 6 Setembro, 2018Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural amplía o prazo de presentación da licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos correspondentes coas axudas de plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións. En concreto, o aumento do prazo será dun mes pasando do 15 de setembro ao 15 de outubro.

Esta decisión tomouse tras analizar as demandas de particulares e organismos que solicitaban unha marxe maior para aportar a documentación necesaria dos investimentos a realizar e polo que os beneficiarios recibirán a correspondente subvención. Esta modificación sairá publicada no Diario Oficial de Galicia en breve e será efectiva dende o día seguinte.

O orzamento desta orde chega aos 65 millóns de euros, un 14% máis do executado na pasada convocatoria. Estas axudas están encadradas dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, que prevé –para estas liñas de axuda– un investimento de 247,5 millóns de euros en todo o período de execución.

Estas achegas xa fixeron posible o ano pasado a incorporación de 466 mozos, unha cifra destacada á que hai que sumar a aprobación doutros 692 expedientes de plans de mellora de explotacións e doutras 154 axudas para o desenvolvemento de pequenas granxas.