A falta de pediatra en varios concellos chairegos indigna aos veciños

Os pais de varios concellos da Terra Chá, concretamente os de Meira, A Pastoriza, Pol, Riotorto, xunto cos veciños de Ribeira de Piquín e A Pontenova, veñen de quedar sen pedriatra que lles atenda pola baixa da titular da praza por maternidade.

Ata hai uns días o pediatra que atendía a todos os nenos destes concellos repartía o seu tempo entre Meira, onde consultaba tres días, e A Pastoriza, onde o facía os outros dous. Os veciños do resto de concello citados acudían segundo a súa proximidade a calquera destes sitios.

Trala baixa da doutora o Sergas informou aos veciños de que a priori non poñería substituto e indicou aos veciños da conveniencia de acudir a Vilalba para consultar cun pediatra, o que para moitos implica un longo desprazamento en coche. Finalmente, a Consellería de Sanidade indicou que resulta complicado atopar un substituto e espera poder contar con el a próxima semana.

Mentres tanto, os veciños mostraron a súa indignación pola lentitude para facer fronte a esta baixa que, por outra banda, era previsible ao tratarse dunha baixa por maternidade.

Etiquetas