Imprescindible recoñecemento

Por Pablo Veiga

Comezo a escribir este artigo a fin de semana na que se celebra a trixésima novena edición do Festival de Pardiñas, considerada festa de interese turístico galego e cun éxito de convocatoria que segue intacto ano tras ano, mantendo a fidelidade daqueles primeiros asistentes, que xa son veteranos na actualiade en tódolos aspectos, e a doutros moitos mozas e mozos que se foron incorporando, producíndose un relevo xeracional que augura un futuro do máis optimista para o citado evento, todo un clásico dos festivais do País e un referente da Terra Chá.

Coinciden estes días primeiros de agosto cunha nova que produce unha grande alegría, a decisión do Concello de Guitiriz de nomear como fillo adoptivo do municipio a Alfonso Blanco Torrado, precisamente o impulsor do Festival de Pardiñas. Un acordo este tomado de forma unánime, como non podería ser doutra maneira, e que fai xustiza ó recoñecer a traxectoria deste crego chegado de Ponteceso, a terra de Eduardo Pondal, e que leva máis de corenta anos exercendo o seu labor pastoral en Guitiriz, sendo responsable a día de hoxe de seis parroquias.

Mais como é público e notorio, os catro décadas que Alfonso leva na Chaira non se cinguen á súa función sacerdotal, senón que trascende de tal maneira que non nos equivocamos aqueles que o consideramos como un dos imprescindibles. Un adxectivo que se fundamenta no innegable mérito deste home que con apenas trinta anos, en plena transición democrática, aparece na Galicia rural cun estilo e unhas formas totalmente innovadores, que chocaban coas da maioría dos seus compañeiros de profesión. Un home de Deus, pero tamén do pobo e das persoas, que sentía, sente e sentirá como propios os problemas dos seus fregreses.

Os méritos son de todos coñecidos, xa que estamos diante dun personaxe polifacético; mestre, escritor e dinamizador cultural son algunhas das súas actividades. Todo o realizado entorno a Xermolos, unha asociación creada naqueles tempos difíciles e cheos de interrogantes, cando as aldeas e vilas galegas estaban aínda ateigadas de xente nova,  onde o caciquismo impregnaba tódolos ámbitos da vida e as liberdades individuais e colectivas eran moi febles. E aí estaba Xermolos con Alfonso Blanco á cabeza. Nesa etapa tan complexa rompeu moldes ó fomentar o uso da lingua galega nas propias misas, feito excepcional hai tres décadas e tamén, desgraciadamente, na actualidade. A realización de accións de formación ocupacional para xente desempregada sería outro aspecto a sinalar no seu haber, sen esquecer a creación dunha biblioteca. Dous exemplos do seu carácter decidido e emprendedor. Máis recentemente, a creación dunha editorial, para a edición e publicación de libros de escritores chairegos. E continúa con proxectos de futuro, como converter a casa do poeta Díaz Castro na Casa da Xente e que sexa un lugar de encontro para a veciñanza.

Precisaríamos moito máis espazo para falarmos do seu grao de implicación e compromiso. A súa presenza en presentación de libros, homenaxes e outro tipo de actos culturais é do máis habitual.

A Terra Chá tivo unha gran fortuna de acoller a este crego. Sen ningunha dúbida.

Etiquetas