Santuarios e romaxes da Chaira: A Virxe dos Milagres de Saavedra

Por Miriam Fernández

Por toda a xeografía galega é coñecida dende antigo a existencia de distintas xuntanzas ou romaxes vinculadas a santuarios relixiosos, os cales albergan imaxes ás que se lle atribúen poderes milagreiros e de protección, reunindo en distintas festividades a un bo número de crentes para cumprir ofertas e escoitar misas, rogando pola saúde, a sorte e a axuda divina en momentos cruciais da vida. As romarías convertéronse así en importantes manifestacións relixiosas e culturalis, feitos sociais que unen e relacionan á comunidade baixo un mesmo sentimento, reafirmando lazos identitarios por medio de distintos símbolos e costumes propias de cada evento. As merendas a carón das ermitas, as procesións, as velas con forma de distintas partes do corpo, “poñer o santo”, as fontes e os panos, as rosquillas, a verbena, etc., son algún destes elementos comúns que as identifican, manténdose vixentes en maior ou menor medida segundo o proceso de cambio cultural.

Podemos afirmar que estas romarías forman parte do legado cultural e relixioso dos nosos devanceiros, unhas prácticas que seguen a recrearse como parte da tradición rural  e do sentimento relixioso de moita xente, elementos que nos permiten comprender a mentalidade e o desenvolvemento das relacións e comportamentos sociais  baixo o matiz da relixión, gañando o seu “oco” dentro do que coñecemos como patrimonio cultural inmaterial.

Na Chaira seguen a celebrarse moitas destas xuntanzas relixiosas, máis, aínda así, moitas menos das que recordan os nosos maiores, pois os novos modelos e comportamentos sociais propiciaron que caerán en desuso ou perdesen a popularidade que noutrora gozaban. Non obstante, como xa indicamos, o “elemento social” segue a prevalecer en moitos casos, manténdoas vivas e permitindo a súa transmisión.

Unha das romaxes máis coñecidas da Chaira é a romaxe da Virxe dos Milagres de Saavedra (Begonte), santuario ó que acoden gran cantidade de devotos para pedir axuda de distinta índole e que celebra o seu día grande o 24 de maio (precedido por unha novena á Virxe). Durante a xornada ofícianse varias misas para atender a multitude que se congrega e os fieis levan a cabo distintos rituais para realizar as súas ofrendas ou darlle as gracias á Virxe, ente os que se atopan as procesións arredor da igrexa (de pé ou de xeonllos) portando velas e exvotos de cera, “poñer a santa”, pasar os panos pola imaxe, e, noutros tempos, levar auga dunha fonte próxima.  Moitos fieis que acoden á romaría fano a pé dende distintos puntos da Chaira, tal e como manda tradición.  En canto ó templo atópase emprazado nunha pequena elevación, rodeadapor unha dependencia porticada, o cemiterio e un cruceiro. Presenta unha estrutura arquitectónica sinxela e de estilo popular, composta por unha soa nave, presbiterio rectangular e unha capela lateral que alberga a representativa imaxe mariana. De cara ó exterior reflicte tamén esa sobriedade cos muros revestidos en branco, mentres que o zócalo, os esquinais, as ventás e outros elementos decorativos están remarcados nun ton gris azulado. A fachada principal consta dun primeiro corpo enmarcado por pilastras rematadas con pináculos, onde se atopa unha pequena fiestra e a porta de acceso, esta última decorada cun frontón triangular sostido por pilastras que repiten o modelo anterior. Sobre este corpo érguese a espadana, estrutura mural na que se abriron dous ocos para colocar  sendas campás que chaman ós fieis á oración, cun remate superior sobre o que se sostén a cruz, acompañada  a ambos lados de dous pináculos pequenos de formas máis redondeadas.

No interior continuamos co estilo sobrio que a caracteriza, reflectido tamén no Altar Maior e nas distintas imaxes, conservando ademais unha importante lápida funeraria do século XVI encaixada na parede esquerda do presbiterio, a cal presenta un escudo cuartelado no centro cunha cruz flordelisada e armas da familia dos Montenegro, os Parga e os Gaioso. Acompañando ó escudo podemos observar tamén un epígrafe que identifica ás dúas persoas alí soterradas, Don Roi González de Ribadeneira Saavedra e a súa muller Dona Violante de Losada.  O santuario conta tamén con distintas lendas que tratan de amosar o poder e a intercesión que a Virxe dos Milagres exerceu durante séculos.

Etiquetas