Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Alimentación durante o embarazo

Por 10 Outubro, 2018Sin comentarios

Por Marta P. Fandiño

embarazo produce certas dúbidas en canto á alimentación; as principais enfocadas nos produtos prohibidos, nas maiores necesidades de inxestión, no aumento de peso recomendado ou na dieta perfecta para permitir o mellor desenvolvemento do cativo. As preocupacións anteriores están mais que xustificadas, posto que durante este período a dieta deixa de ser unicamente da nai para converterse tamén na do feto. Na primeira revisión o médico informará en maior ou menor profundidade, sobre aqueles alimentos que estarán prohibidos durante os próximos meses. O motivo destas restricións é limitar ó máximo as posibilidades de padecer complicacións durante a xestación, como poden ser enfermidade, problemas no desenvolvemento mental ou físico do cativo, aborto e un longo etcétera.

Dentro da listaxe de sustancias a eliminar atópase o tabaco, o alcohol e as bebidas excitantes, o leite cru, os queixos brandos non pasteurizados, os embutidos elaborados a partir de carne cru, os patés, os alimentos conservados a temperatura ambiente, as algas, os produtos crús ou pouco cociñados (ostras, tartar, sushi, ovos…) e os grandes peixes como o tiburón, o peixe espada, o lucio ou o atún.

Ademais das eliminacións anteriores débese prestar maior atención á hixiene alimentaria; lavar ben froitas e vexetais, gardar os alimentos no frigorífico e prestar moita atención ós produtos de repostería. Tamén se debe evitar contacto directo con gatos e roedores e principalmente coas súas feces.

Durante a xestación é posible que a nai teña algo máis de apetito, especialmente durante o último trimestre onde as necesidades calóricas aumentan unhas 300kcal diarias. O recomendable para non ter dúbidas de se consumir máis ou menos alimentos é seguir a sensación de fame, posto que é o modo que ten o organismo de auto-regular a inxestión. “Comer por dous” é un mito establecido na sociedade, que carece de toda lóxica, posto que as necesidades enerxéticas non son tan elevadas.

Outro dos cambios do embarazo é o aumento de peso que resulta progresivo durante este período, situándose unha maior elevación a partir do segundo e sobre todo no terceiro trimestre. Segundo o Institute of Medicine as mulleres que menos complicacións teñen durante o embarazo, son aquelas que partindo de peso saudable, aumentan entre 11,5 e 16kg. Estas cifras elévanse a 12,5- 18kg no caso de ter baixo peso previo á concepción ou entre 6 e 9kg en caso de obesidade. Independentemente da información anterior, non se debe seguir una dieta para evitar superar as cifras anteriores, posto que o seguimento de dietas restritivas ou con pouco aporte calórico poden poñer en risco o embarazo e a saúde fetal.

Aínda que non este recomendada a realización de dietas, a xestación é un bo momento para mellorar os hábitos alimentarios da nai, buscando un estado óptimo de saúde tanto para ela coma para o neno. Reducir alimentos azucrados, comida rápida, frituras e outros produtos ricos en edulcorantes e graxas saturadas e trans pode ser un bo comezo, así como optar por auga como única bebida.

Ademais do aumento das necesidades enerxéticas, hai certos nutrientes que non poden faltar na dieta materna, así pois é recomendable comezar os cambios de alimentación antes do momento da fecundación, para garantir o crecemento e desenvolvemento adoitado do feto.

Algúns destes nutrientes non poden ser aportados unicamente pola alimentación, o caso mais coñecido é o do ácido fólico, que debe ser suplementado de maneira oral canto antes. Xúntase a el a inxestión de sal iodada e en ocasións tamén suplementos de calcio ou ferro.

Para obter o resto de nutrientes é suficiente unha dieta equilibrada e variada, rica principalmente en froitas e vexetais tanto crús coma cociñados, pero tamén en legumes, cereais integrais, lácteos, froitos secos… Esta alimentación deberá ser adaptada ás complicacións ou síntomas de cada embarazo, coma estrinximento,  náuseas, diabetes xestacional ou ardor estomacal.