Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Exemplo para a esperanza

Por 10 Outubro, 2018Sin comentarios

Por Pablo Veiga

Envellecemento, despoboamento, desaparición de explotacións gandeiras, … son realidades que afectan ó conxunto da Galicia Rural. Os datos así o indican e as consecuencias delo son de sobra coñecidas, e aínda por moito que sexan analizadas o certo é que non se atisban indicios que modifiquen esta negativa tendencia.

Pero en toda regra existen as excepcións, detrás das cales temos familias, homes, mulleres, mozos e nenos, que a pesares das dificultades apostaron polo propio como forma de vida, pero dando un salto cara adiante, mellorando o o que estaba de vello e innovando. Son os auténticos emprendedores que co seu bo facer xeran esperanza para o futuro.

Un exemplo admirable atopámolo en Madelos, unha parroquia pertencente ó municipio de Friol, onde se ubica Lácteos Conchi, unha gandeiría  que, debido a diversas circunstancias, soubo adaptarse e reinventarse para ser unha empresa con óptimos resultados actuais e cunhas expectativas do máis optimistas. Están á fronte do negocio a muller que lle dá o nome, o seu marido Ángel, fumador empedernido, traballador raído e que foi precoz ata para formar unha familia, e os dous fillos, Gema e César, que non chegan ós trinta anos. Ámbolos dous rapaces con formación, o primeiro delineante de profesión, que cando esa gran burbulla que era a construcción saltou polos aires decidiu que o seu sitio estaba no lugar que o viu nacer.  Cun rebaño de algo máis de medio cento de vacas, a venda directa do leite á industria procesadora apenas cubría os gastos de produción.  Cumpría buscar alternativas, decidindo entón elaborar queixos e embotellar o leite cru –do ubre ó tanque e de aquí á botella, sen máis-. Estaba en marcha a transformación da materia prima na propia explotación. O paso seguinte, a distribución e venda. E aí tamén a familia Modia Lage demostrou que non teme os desafíos; un posto fixo no mercado de Ponferrada atendido preferentemente por Gema e viaxe semanal do seu pai ata nada menos que Madrid, son exemplo dese espírito ó que aludimos. Unha fórmula que lles permitiu comercializar o resultado do seu traballo, obtendo uns beneficios moi superiores ós que se acadarían coa simple venda do leite. E non só dan saída ós seus propios queixos e leite cru, senón que optaron por levar outro tipo de produtos típicos galegos, de inmellorable calidade, desde polbo ata empanada, con boa demanda por parte dos consumidores. Deste xeito, crearon unha clientela fiel, cada vez máis numerosa, particulares e restaurantes, tanto no Bierzo como na mesmísima capital do Estado.

Cando un ten coñecemento dun modelo como este, conclúe que si pode existir un porvir para o sector primario se arrisca e se pon en valor o propio. Os Modia Lage están facendo aldea, parroquia, concello e País. Non se evitará o despoboamento nin o envellecemento, pero poñen o seu gran de area para frealo.

Parabéns ós protagonistas desta historia, incluído o pequeniño Borja, e moita sorte nesta andaina, non exenta de obstáculos, pero coa ilusión que lle poñen o éxito será inevitable.