Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Patrimonio Termal da Chaira: A charca do Alligal

Por 10 Outubro, 2018Sin comentarios

Por Miriam Fernández

Aínda que un pouco menos coñecida que outros lugares termais de Galicia, a capital da Chaira posúe un importante patrimonio natural ligado ás augas medicinais, un enclave termal coñecido dende antano polas propiedades do líquido que alí gurgulla entre bidueiras e illós.

Falamos da Charca do Alligal, unha poza con forma de piscina situada na parroquia vilalbesa de Codesido, construída en pedra por primeira vez en 1930 e reformada posteriormente mediante unha balsa de formigón de 30 metros de diámetro, dimensión moito maior que a orixinal. Na área do chan desta poza brotan os diferentes ollos do manancial, identificados polas burbullas que ascenden cara a superficie, aportando un caudal de aproximado de 1.200 litros por minuto. Estas augas mineromedicinais, bicarbonato cálcicas e de moi débil mineralización, contan cunha temperatura media estable de 23 graos e están consideradas como curativas tanto para problemas reumáticos (artrose, artrite, tendinite, etc.) como para doenzas crónicas da pel (psoríase, dermatite atópica, eccema, etc.), sendo estas últimas a máis coñecidas de todas.

Para aproveitar as súas propiedades tamén se adoitaba untar con barro a pel, sendo común manter un calendario de baños para que sexan efectivas (de sete a once días), así coma levar garrafas de auga para casa para fregar as partes do corpo afectadas. Tamén gaña unha importante afluencia durante o verán, mesturando o fin curativo e o lecer, feito que a converte  na fonte mineromedicinal sen balneario máis concorrida de Galicia. Nas súas proximidades abriuse en 2006 un hotel con spa, o cal aspira a transformarse en balneario.

Como era de esperar, xerouse neste enclave un fermoso imaxinario composto por lendas, contos sobre encantamentos, milagres e anécdotas sobre os que ata alí un día se chegaron, incorporadas ó imaxinario colectivo vilalbés.

Os relatos máis sinxelos fálannos dun matrimonio de Ferroltera sen mobilidade que sandou, ou o abandono dun burro vello e enfermo que posteriormente atoparon forte e vigoroso. Outra das lendas conta que vivían cerca tres irmáns doncelas, as cales sufriran un terrible encantamento por rexeitar os amores dun home con poderes máxicos. As irmáns foran convertidas en bestas bravas, vagando rabuñadas e ensanguentadas entre toxos e penedos. Un día a fortuna quixo que descubrisen unha fonte pequena nas que comezaron a escarvar para poder beber, repetindo o proceso durante nove días ata formar a poza, sandando milagrosamente das súas feridas. Un día pasou polo lugar unha maga ou sabia que se decatou do encanto, polo que lles ofreceu para comer mazás camoesas e as bestas retornaron a súa forma natural, coma fermosas doncelas.

Tamén se conta que o amo dun chairego que fora ás segas a Castela lle pediu que desencantase as fillas que tiña enfeitizadas na poza. Para realizar o cometido entregoulle un saco con tres bolos, pedíndolle discreción, máis cando chegou á casa a muller foi asexar en segredo e adentou un dos bolos, o cal comezou a sangrar. Ó día seguinte o home foi ata a Charca e tirou os bolos á auga, xurdindo dela dúas doncelas sobre cabalos brancos que o colmaron de xoias e riquezas, máis do terceiro  apareceu outra doncela cun cabalo coxo. A rapaza, irada, díxolle que pola súa culpa tiña que quedar alí encantada, retirándolle os agasallos que lle deran as irmáns. Antes de que o home marchase deulle un pano para a muller, e este, querendo ver como lle quedaría á súa dona, enganchouno na pola dun carballo, o cal se arrincou de golpe e caeu ó chan, deixando un grande buraco que aínda se pode ver polos arredores.

Existen ata outras sete versións ou lendas nas que se sigue identificando coma lugar de encantos, coñecida como a Fonte das Señoras, onde se pode atopar unha muller fiando ou unha galiña cunha rolada de pitiños, así como que a poza é neta dunha que hai en Lanzós e filla doutra que está por San Simón ou Vilapedre.