Comezan os traballos do obradoiro Camiño da Chaira IV en Castro, Cospeito e Outeiro de Rei

O obradoiro de emprego Camiño da Chaira IV, desenvolvido polo Concello de Castro de Rei conxuntamente cos de Cospeito e Outeiro de Rei comezou a súa actividade coa incorporación de 20 persoas en situación de desemprego a este programa de formación.

No caso deste obradoiro, que se estenderá ata mediados do mes de xullo do 2019, están previstas obras de mellora en diversos edificios e bens municipais. En concreto, os seis alumnos do concello de Castro de Rei realizarán reparacións no edificio da pista polideportiva de Castro Ribeiras de Lea e na cuberta dos locais sociais de Bendia e Ramil, e acondicionará o ximnasio do CEIP Veleiro-Docampo.

Outeiro de Rei conta con sete alumnos traballadores -todos os da especialidade de Levantamentos e replanteos- que realizarán o cartografado dixital do inventario municipal das instalacións de protección de incendios, elementos patrimoniais, contedores e paradas de autobús.

Por último, no concello de Cospeito sete participantes acometerán a reparación dos paramentos do polideportivo e dos revestimentos de fachada dos locais sociais de Pacio e Xermar, ademais do interior do local social de Pacio. Tamén construirán gradas e mellorarán o interior dos vestiarios do campo de fútbol, os paramentos do anexo da nave de maquinaria municipal e o entorno da Casa das donas na Feira do Monte.

Etiquetas