A Deputación súmase á campaña En Negro

A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, participou no acto de sinatura do protocolo da campaña En Negro contra as violencias, co que renova o compromiso do Goberno provincial contra a violencia machista. Fíxoo nun acto que tivo lugar no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, e no que participaron representantes das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra, e 103 municipios das 4 provincias galegas.

López Izquierdo destacou que o organismo provincial, ademais de reeditar a súa colaboración con esta campaña, emprazará e solicitará que todos os Concellos da provincia a participar neste proxecto. este ano participan 28 concellos e o ano pasado foron 14, o que amosa que este tipo de campañas teñen un impacto notable, tanto nos Concellos como nos veciños”.

A Deputada sinalou que aínda que a Deputación de Lugo non ten competencias nesta materia, apoia de xeito decidido a erradicación da violencia machista mediante campañas de concienciación e visibilización, como a deste colectivo.

Protocolo

No protocolo asinado recóllense os obxectivos desta campaña, que son “fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas, implicando ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asesinatos machistas”.

A Pontenova, Alfoz, Becerreá, Burela, Castroverde, Cospeito, Guitiriz, Láncara, Lourenzá, Lugo, Meira, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, O Corgo, O Valadouro, Outeiro de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Quiroga, Rábade, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Sarria, Trabada, Vilalba e Viveiro.

Desigualdade social

A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo simple feito de o seren, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada.

Segundo os datos da última Macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, un 13% das mulleres residentes en España de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou ex-parella, un 26% violencia psicolóxica de control —celos, control de horarios e actividades etc.— e un 20% violencia psicolóxica emocional —insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc-.

 

Etiquetas