O PP rexeita a moción do PSOE sobre o reparto a dedo das axudas aos concellos do rural

A responsable de Facenda e Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, lamentou que o PP decidira vetar a moción presentada para acabar co reparto “a dedo” de axudas para os concellos do rural. No debate no Pleno do Parlamento, criticou que rexeitaran a “man tendida” para aplicar criterios de “transparencia, xustiza e igualdade de oportunidades” no reparto de axudas.

A responsable socialista sinalaba ao Plan de Infraestruturas Rurais 18-19, co que Medio Rural repartiu 2,7 millóns de euros entre 65 concellos, 56 deles gobernados polo PP, co criterio obxectivo confesado polo propio director xeral de Desenvolvemento Rural, que en Comisión resumiu en “ti vai traendo, que nós imos metendo en función da Urxencia e Necesidade”. Para Rodríguez Rumbo é a evidencia de que o criterio real é “ter un goberno do PP”.

Por este motivo, explicou, en 2018 repiten como beneficiarios 22 concellos que xa recibiran as axudas en 2017, entre eles o Concello de Ourense, a única das sete cidades acredora das axudas, que por “casualidade”, dixo, é tamén a única das sete cidades galegas gobernada polo PP.

En resume, nos últimos dous anos o goberno galego repartiu un total de 22,5 millóns de euros “a dedo” entre concellos escollidos por criterios políticos. Ademais do Plan de Desenvolvemento Rural, citou así o Plan Hurbe, co que repartiron case 13 millóns para 62 concellos do PP dun total de 66 beneficiarios, ou as subvencións de Presidencia para mellora de infraestruturas e equipamentos, case 2,5 millóns de euros para 75 concellos, 59 deles do PP.

Finalmente, as subvencións para a creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio repartiu en 2018 case 4,4 millóns entre 19 concellos, 15 deles do PP.

Maquinaria electoral

Rodríguez Rumbo esixiulle ao goberno galego que “deixe de funcionar como unha maquinaria electoral ao servizo do PP” e conforme un plan que realmente sirva para mellorar as condicións de vida dos concellos, fixar poboación e dinamizar o rural. Do contrario, apuntou, “o goberno galego está desenvolvendo a Lexislatura do Esmorecemento do Rural”, desmentindo así os eslogans utilizados polo propio Feijóo, cando fala da Lexislatura do Rural.

Etiquetas