Dominio chairego na cuarta xornada de billarda

A pasada fin de semana celebrouse o Aberto de Flores, en San Miguel de Reinante, a 4° xornada da LNB. Por mor do temporal, de novo a xornada tivo que disputarse no pavillón da localidade.

Foi a cuarta xornada e cuarta vitoria chairega de un integrante dos Carabullo da Ponte de Outeiro. Albino repetiu, como xa o fixera en Castroverde. Con este resultado aúpase á primeira posición da clasificación xeral.

O segundo posto foi para Milio, dos Remourelle Bulls, e a terceira posición para Geni, dos Billardeiros Musicais de Ribadeo. Este terceiro posto na xeral serviulle para gañar a clasificación feminina, aínda que Paula, dos Chainzos-Cadaval, non afrouxou e a de Bazar mantense líder outra xornada máis na xeral.

Por equipos, primeira vitoria dos Billardeiros Musicais, que suben ao segundo posto e achéganse aos Carabullo, que seguen líderes con só cinco puntos de vantaxe. Terceiros son os Troitas Bravas da Pontenova, a oito puntos dos primeiros.

A seguinte xornada troca a Mariña pola capital da provincia, disputarase o próximo día 1 de decembro en Lugo.

 

Etiquetas