O PSOE reclama á Xunta cartos para loitar contra a violencia de xénero no rural

A voceira de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, reclamoulle  á Xunta que destine a medidas contra a violencia de xénero no rural ata 3,15 millóns de euros do total de 8 que percibiu do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. No debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento, Pierres lembrou que o 40 por cento dos fondos recibidos por Galicia derivan da condición rural da súa poboación.

A responsable socialista advertiu que “seguen sen saír as contas” das medidas anunciadas polo goberno galego para cumprir cos compromisos adquiridos no citado Pacto de Estado para apoiar ás vítimas residentes no medio rural. Alertou fronte á “tentación” do goberno galego de utilizar aqueles fondos “para facer filantropías con outros” quitándolle ás vítimas que teñen dereito para outorgárllelo a outras.

Así, lembrou que o goberno galego tan só comprometeu 300.000 euros de axudas para as asociacións de mulleres, unha liña específica par apoñer en marcha accións concretas de prevención ou de colaborar coas federacións de mulleres rurais, programas de apoio ás vítimas no rural ou un estudo sobre a incidencia da violencia machista neste medio. Sen embargo, a suma destas intencións queda, dixo, moi lonxe de cubrir os fondos comprometidos polo Estado.

Pierres advertiu que “a particular condición rural de Galicia debera converter ás mulleres rurais como as principais beneficiarias da implantación das medidas ou accións que se poñan en marcha dentro das medidas do Pacto de Estado”. Reclamou así unha atención específica á “política de prevención da violencia de xénero, de atención ás vítimas e de formación e sensibilización da poboación do rural galego”.

Explicou que a ruralidade “é un factor clave para o reparto do fondos do Estado porque se sabe da vulnerabilidade especial destas mulleres”, tal e como conclúe unha enquisa realizada pola Federación de Mulleres Rurais, Fademur, logo de constatar a “inacción” do goberno galego. Aquel informe revelou que o 62 por cento das mulleres asegurara descoñecer as campañas contra a violencia de xénero, e que o 41 por cento non incorporara o asunto nas conversas particulares.

Etiquetas