Skip to main content
ActualidadeBegonte

Convocados os certames do Belén de Begonte, que se inaugura o día 1

Por 30 Novembro, 2018Sin comentarios

O Centro Cultural de Begonte vén de convocar unha nova edición do Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán , a XXIX, a do Nacional de Poesía sobre o Nadal, que xa é a XLIII edición.

Ambos dos dous premios englóbanse dentro da programación de Nadal do Belén de Begonte, que abre as súas portas este sábado, día 1 de decembro e que se manterá ata o 26 de xaneiro.

A lectura do pregón serán o acto inaugural desta XLVII. Este terá lugar no decurso dunha misa que ás seis da tarde se celebrará na igrexa parroquial de Begonte, polos socios e amigos do Belén. Estaba previsto que o pregón fose pronunciado polo Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González, pero por unha viaxe oficial do conselleiro, vai ser substituido por Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, que xa foi pregoeira do Nadal en Begonte o ano 2015.

Actuarán na igrexa parroquial con este motivo  a Banda xuvenil das Escolas de Música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, dirixida por Armando Morales e o  Coro destas Escolas, dirixido por Esperanza Méndez Iglesias. A continuación, procederase á apertura do Belén na súa XLVII edición e o Museo José Rodríguez Varela, museo do Belén.

E ao igual que na edición anterior, ponse en circulación a exposición de fotografía IMAXES DO NADAL, conxunto de obras de fotógrafos membros do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, que o pasado ano se expuxo en Lugo, Begonte e Chantada, e este ano se exhibirá en Guitiriz (Casa Habanera), Rábade (Casa do Concello) e Vilalba (Casa da Cultura).

Desde mañán, o Belén electrónico e Museo do Belén pode visitarse ata o 21 de decembro e do 7 ao 26 de xaneiro, os sábados, domingos e festivos de 11 a 13 e de 15 a 19 h., e do 22 de decembro ao 6 de xaneiro próximos, todos os días co mesmo horario.

CERTAME DE POESÍA

Xa está aberto o certame de poesía sobre o nadal, no que poderán participar todos os poetas que o desexen con textos en galego e en castelán, valorándose especialemnte os que fagan referencia o Belén e  non hai limitación na medida dos versos ne no tipo de construción.

O premio estará dotado con 600 euros e estatuíña de Sargadelos e haberá tamén un segundo, que recibirá 300 euros e estatuíña. O prazo de presentación de traballos, que será en sobre pechado, remata o 6 de xaneiro.

CERTAME DE ARTE

O premio de José Domínguez Guizán de arte estará dotado con 1.500 euros e estatuíña de Sargadelos e se adxudicará a unha obra pictórica que decida un xurado de especialistas. O certame está aberto a tdoso os pintores galegos, de procedencia ou residencia, con tema libre, que deberán presentar un máximo de dúas obras antes do 25 de decembro.

CERTAME DE XORNALISMO

Así mesmo está convocada a XLIII edición do Certamen xornalístico, no que podrán tomar parte todos os que publiquen en calquera medio escrito e internet en lingua galega e castelá un traballo sobre o Nadal de Begonte ou o Nadal en Galicia.

O primeiro premio estará dotado tamén con 600 euros e o segundo con 300, ambos os dous con estatuíña.

O prazo de entrega dos traballos está fixado tamén no 6 de xaneiro no Centro Cultural de Begonte e deberá facerse en sobre pechado.

CERTAMEN DE DEBUXO INFANTIL

Para os máis pequenos xa está convocado tamén o XLIII Certame de debudo infantil sobre o nadal no que poderán participar todos os nenos que o desexen a través dos seus colexios. Como en anos precendentes, haberá dúas categorías, para menores de 10 anos e para os que teñan entre 11 e 15 anos. Nas dúas categorías haberá tres primeiros premios, dotados con 60 euros e trofeo, e 5 segundos, con 30 euros de recompensa.

Os temas dos traballos serán libres sempre con referencia ao nadal e cada colexio deberá escoller un máximo de 25 para presentar. O último día de recepción de debuxos é o 24 de decembro.

Consulta o actividades aquí.

Consulta os certames aquí.