Anuncios de Nadal

Por Lara Real Lema 

Nos últimos anos a publicidade do Nadal mudou de forma drástica a súa liña habitual, así os anuncios cheos de efectos e caras coñecidas deron paso a outro tipo de producións que inciden máis no compoñente emocional. Isto non é algo novo, moitos de nós seguimos lembrando anuncios da nosa infancia como o de turróns o Almendro e a súa característica letra de “vuelve, a casa vuelve, por Navidad” que acompañaba, e aínda o segue facendo, a todos os seus spots e que xunto ao anuncio de Freixenet e as súas famosas burbullas marcaba o inicio dos preparativos das festas de Nadal en moitas casas nos anos 90. Agora son os anuncios de xoguetes de todo tipo e de fragancias con acento francés os que nos indican que temos que empezar a pensar nos agasallos de nadal e que se xa non somos nenos, as colonias seguen a ser unha opción moi socorrida. Xunto á publicidade de xoguetes e de colonias, tamén temos os anuncios de nadal “per se”, que son aqueles que aínda que anuncian un produto, apelan aos sentimentos que (supostamente) están máis a flor de pel nestas datas para deixarnos un poso agridulce, facernos pensar e porque non, botar unhas bágoas.

Este ano temos, por exemplo, o anuncio do licor Ruavieja, unha campaña dura e emocionante baseada en facernos reflexionar canto tempo pasamos coa xente que nos importa de verdade. Todos sabemos que o tempo é limitado pero os seres humanos non estamos programados para pensar canto tempo de vida nos queda e por iso continuamos aprazando as cousas. ¿Cambiaríamos en algo se tomásemos consciencia de ese tempo?

Doutra banda o anuncio de Ikea vai polo mesmo camiño. Nunha cea en familia por Nadal, unha voz en off propón o reto de facer preguntas a todos os membros da mesa. O que falle, abandona a cea. Os fallos chegan cando a voz pasa a interrogarlles sobre a súa familia máis próxima, é entón cando ningún dos integrantes da mesa sabe contestar e a cea acaba quedándose baleira.

Xogar coas emocións para gañarse ao público parece ser aposta segura por varias razóns, primeiro, porque os publicistas báixanse do carro da mera invitación ao consumismo tan habitual nestas datas e, segundo, porque estas historias retéñense máis facilmente, conseguindo que cheguemos a apreciar unha marca case sen que nos deamos de conta. Isto non pasa con todos os anuncios, un elemento clave é a identificación cos protagonistas, así é habitual que nas familias dos anuncios aparezan membros de distintas xeracións: nenos, pais, avós… e tamén a música e importante, normalmente é instrumental e ten un punto álxido ao final que axuda a que esas emocións estean presentes.

Independentemente do cariz relixioso, o Nadal está asociado á paz, o amor, a felicidade e ao balance dunha etapa e o comezo de outra e, de aí, que sexa inevitable notar máis os baleiros, as ausencias, mentres se nos bombardea cun canón que nos obriga a ser felices. Este é un recurso máis que efectivo na estratexia publicitaria, deixarnos levar por el ou non, iso xa é cousa nosa.

Etiquetas