O Belén de Begonte

Por Miriam Fernández

Atreveríame a afirmar que case non existe chairego que ó  escoitar a palabra  “Nadal” e “Belén” non lle veña á mente Begonte, que se esquecese daquelas figuriñas que non paran de bulir como se estivesen vivas, daquel sentimento que xurdiu cando o viu por primeira vez a peculiar representación do nacemento de Xesús que alí se representaba,  comezando deste xeito unha longa tradición de visita navideña e interxeracional centrada neste “enxeño” do Nadal do que chegarían  as novas alén da Chaira.

A montaxe do primeiro Belén de Begonte comezou en Decembro de 1972 da man de D. José Domínguez Guizán, párroco de Begonte ata o seu pasamento o 25 de abril de 1986. A idea orixinal levaba xa tempo dando voltas no seu maxín, máis foi clave a visita que realizou neste ano á Coruña, acompañado do begontino José Rodríguez Varela, no que tomaría contacto co Belén electrónico do Centro de Formación Profesional Acelerada de Someso. O mesmo Domínguez Guizán explicaba que “En cuanto volvemos, puxemos mans á obra e xa en Decembro de aquel ano conseguimos monta-lo Belén. Eu creo que xa mellorando o orixinal. [..] Algo que chamase a atención, que obrigase a acudir a Begonte, que nos distinguira como pobo, pero que tamén respondese ás inquedanzas do meu Ministerio, que fomentase a relixiosidade e que representase adecuadamente a grandeza do Misterio. Así naceu este belén, do que estamos tan orgullosos”.

Desta idea inicial, e coa axuda continua dos veciños da freguesía, xermolaría pouco a pouco un dos Beléns máis representativos de Galicia, catalogado coma Ben de Interese Turístico Galego e exposto cada ano nos baixos do Centro Cultural José Domínguez Guizán (nome en honor do seu fundador). Caracterízase por unha superficie de 150 m² con máis de 150 figuriñas artesanais movidas electrónicamente e integradas nun escenario que representa o nacemento de Xesús na Chaira lucense. Ollar para este Belén mergúllanos inevitablemente no ambiente dunha aldea chairega tradicional, onde podemos ver traballar a unha tecelá, un zoqueiro, un oleiro ou unha fiandeira, como os muíños de auga moen paseniñamente o gran e os habitantes realizan outras labores do campo: ir á leña, segar na herba ou gardar o gando. As arquitecturas son tipicamente galegas, con casas de pedra ó xeito tradicional, igrexas, pontes e alpendres onde se representan diversas escenas da vida cotiá que se desenvolven segundo o ciclo diario. A noite, unha nevarada, o Anxo ou a Estrela de Belén son algúns dos efectos que contribúen a darlle vida, integrados perfectamente coma un fío condutor que prepara o ambiente para o nacemento de Xesús.

Cada ano o escenario vai cambiando, integrando novas figuras e escenas, permitindo ó visitante ter algo novo que descubrir cada Nadal. Aqueles elementos que se van retirando, ben por melloras técnicas ou por cambios de escenario, dispóñense nunha sala inmediata coñecida como o “Museo do Belén”, empregado para recordar o camiño que o Belén percorreu ata ser o que hoxe en día é.

Desde 1972 o Belén de Begonte está aberto de forma ininterrompida durante o Nadal, inaugurado cada primeiro sábado do mes de decembro e clausurado o último de xaneiro, aderezado durante estes dous meses con distintas actividades culturais que nos permiten mergullarnos nun Belén definido por aqueles que o coidan e promoven coma unha obra “sinxela e humilde, que conquista corazóns, que fai brillar os ollos sensibles e que nos enche o corazón de satisfacción e de gozo.”

Etiquetas