Skip to main content
Actualidade

Aprobada no Pleno a proposta do Goberno para mellorar a cobertura de telefonía móbil na provincia

Por 27 Decembro, 2018Sin comentarios

O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade a proposta do Goberno para mellorar a cobertura de telefonía móbil nos 67 Concellos da provincia. Deste xeito, acordouse instar á Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), dependente da Xunta, e ao Executivo Central a poñer en marcha medidas coas que incrementar as zonas de cobertura e chegar á totalidade do territorio lugués.

Odeputado de Innovación, Pablo Rivera Capón, subliñou que “a día de hoxe unha gran parte da provincia ten unha cobertura deficiente e hai abundantes zonas escuras. Que algo tan elemental en pleno século XXI non funcione ou funcione mal pode poñer en risco a modernización do propio tecido produtivo, porque resulta moi complicado concibir a creación dun novo negocio sen que nunha determinada zona do rural da provincia de Lugo o citado servizo estea asegurado”.

Rivera Capón lembrou que “en novembro do ano 2016, na súa toma de posesión como Presidente da Xunta, o señor Feijóo anunciou que a actual lexislatura sería ‘a lexislatura do rural’. Dificilmente podemos comprar ese discurso cando a estas alturas da película aínda existen servizos esenciais en precario en zonas onde se precisa con urxencia fixar poboación. Un deses servizos é a telefonía móbil, que para ben ou para mal, chegou para quedarse. Mentres o seu funcionamento é aceptable nas áreas urbanas, presenta un alcance moi limitado nas zonas rurais”.

O despregue de telefonía móbil e de banda ancha recaeu nos últimos anos na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) que depende da Xunta de Galicia. “A pesar de que dende este organismo aseguran que na actualidade o 94% da poboación está cuberta, a realidade é que na provincia de Lugo existe unha deficiente cobertura con abundantes zonas de sombra”, explicou.

Neste senso, Rivera Capón subliñou que “o optimismo que se desprende dos datos da Axencia Tecnolóxica está totalmente inxustificado porque un estudio de campo no que se radiografían moitos Concellos da nosa provincia demostra precisamente todo o contrario”.

En Comarcas como a da Térra Cha, a Ulloa, Sarria ou Lemos, só ofrece garantías un único operador nas zonas urbanas, mentres que a cobertura é moi deficiente nas parroquias. Na Comarca de Lugo, agás na capital, repítese o mesmo patrón. Mentres a área urbana goza de boa cobertura o medio rural ten grandes dificultades. Parroquias como Vilachá de Mera, Torible, Santa María Alta, O Veral, Esperante, Piugos, Lamas e algunhas zonas de Bascuas e Fazai teñen grandes deficiencias, o que pon de manifesto que o móbil funciona ou non, en función de onde un se atope.