Skip to main content
Actualidade

As Pontes reclama unha solución inmediata para o centro de saúde

Por 2 Xaneiro, 2019Sin comentarios

A concelleira de Benestar social das Pontes, Isabel Fornos, ante a situación actual na que se atopa o centro de saúde do municipio por falta de facultativos, reclama á Xunta de Galicia unha solución inmediata a este problema.

O Concello das Pontes, deste xeito, faise eco das reclamacións dos veciños ante a falta de tres médicos no servizo de Atención Primaria, dous na quenda de mañá e un no horario da tarde, e do pediatra, feito que está provocando o desvío de doentes tanto ó servizo de urxencias do propio centro como ó hospital comarcal, mermando a calidade de atención médica da veciñanza, sen que a administración sanitaria cubra as baixas dos facultativos.

Fornos remarca que se trata dunha situación inadmisible, especialmente no caso do servizo de pediatría. “Desde fai días o servizo é asumido polos médicos de familia do ambulatorio pero cando se precisa unha atención especializada, a veciñanza vese obrigada a trasladarse ata Ferrol o que impide que os menores de 14 anos da vila teñan unha atención sanitaria digna”.

A concelleira sinala que no caso de que non se resolva de forma urxente, o Concello adoptará ás medidas oportunas, en defensa do interese xeral, para garantir a atención primaria á veciñanza e o servizo público.