Skip to main content
ActualidadeMeiraVilalba

O centro Forma-T de Vilalba recibe unha visita institucional pola súa participación no Plan Galego de Formación

Por 5 Xaneiro, 2019Sin comentarios

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Plan galego de formación 2018/2019, ofrece 25 cursos nas comarcas de Terra Chá e Meira dos que poderán beneficiarse 400 persoas. Para este fin, a administración autonómica achega un investimento que supera o millón de euros, destinado a financiar o desenvolvemento destas accións formativas dirixidas a desempregados (AFD).

Os cursos teñen lugar en centros homologados, que poden ser tanto empresas como concellos e entidades sen ánimo de lucro, e ofrecen aos participantes a posibilidade de ampliar a súa formación e, en consecuencia, mellorar as súas expectativas laborais. Ademais ao remate dos cursos o alumando recibirá, de ser o caso, os correspondentes certificados de profesionalidade, con validez en toda España, que acreditan os coñecementos adquiridos.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, no transcurso dunha visita ás instalacións dun destes centros acreditados, en concreto ao centro de formación Forma-T de Vilalba (que tamén ten sede en Meira), adxudicataria de varias destas accións formativas en ámbitos diversos, como as enerxías renovables ou o sector sanitario, entre outros.

Estas iniciativas, que se enmarcan na Axenda 20 para o Emprego, desenvólvense co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2018-2019), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, unha maior empregabilidade dos participantes.

Como novidade este ano, os alumnos e alumnas poderán por primeira vez escoller o centro e a acción formativa que cursarán. Ademais, os centros de formación terán a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado. Ata o de agora, as entidades beneficiarias estaban obrigadas a solicitar os alumnos e alumnas á oficina de emprego correspondente.

Así, o alumnado poderá solicitar o centro e a materia na que se desexa formar a través do portal de Emprego da Xunta. Tamén terá por primeira vez a posibilidade de coñecer o custo do curso no que se vai cualificar e que a Xunta apoia ao 100%. A persoa desempregada poderá obter na web toda a información sobre o curso que lle interesa: a data prevista de comezo, o horario, o lugar onde se imparte e os datos de contacto da entidade, así como a posibilidade de solicitar a preinscrición para o posterior proceso de selección que poderá levar a cabo o centro de formación. A cualificación que se imparta será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial.

Na selección do alumnado terán preferencia as mulleres, as persoas desempregadas de longa duración, menores de 30 anos, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, alumnos con baixa cualificación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen certificados parciais.

Inserción media do 60%

Balseiro sinalou que “a Xunta segue apoiando este tipo de accións formativas consciente son unha ferramenta de éxito, xa que acadan de media unha inserción laboral próxima ao 60%”. Tamén explicou que “o principal obxectivo que se busca é adaptar a formación ás necesidades das empresas en cada comarca”.

O obxectivo do Plan de formación 2018-2019 é o de facilitar o acceso ao mercado laboral das persoas sen emprego de Galicia. Na convocatoria deste ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ampliou a dotación orzamentaria inicial co propósito de atender o maior número de solicitudes.

A Xunta lidera as iniciativas de emprego na provincia de Lugo

“A formación para persoas desempregadas e ocupadas é un reto prioritario para o Goberno galego. Por iso, ten en marcha outro tipo de programas, como son as Unidades formativas na empresa; os obradoiros duais ou os plans formativos para sectores específicos, como o forestal, que fan da Xunta a administración que lidera as iniciativas de emprego na provincia de Lugo”-concluíu o delegado.