Guitiriz e Vilalba reciben unha subvención para o desenvolvemento de programas de inclusión social

Destínanse 571.400 euros a dez concellos da provincia de Lugo para o desenvolvemento de programas de inclusión social. Con este investimento a Xunta financia medidas que teñen por obxecto impulsar a igualdade de oportunidades e a inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos.

Os concellos lucenses beneficiados son Burela (con 101.468 euros), Viveiro (131.708 euros), Quiroga (29.444 euros), A Pobra de Brollón (18.385 euros), Chantada (29.416 euros), Monforte de Lemos (25.332 euros), Pantón (38.922 euros), Guitiriz (7.521 euros),  Vilalba (45.148 euros) e Lugo (144.095 euros).

Os servizos sociais municipais son a miúdo os que brindan o primeiro nivel de atención ás persoas usuarias e as dirixen cara ao resto dos recursos dispoñibles; de aí, que as Administracións deban colaborar na integración social e laboral, especialmente en persoas que presentan risco de exclusión.

O concello da capital lucense recibe fondos para o Fogar do Transeúnte, apoio á inclusión básica, o programa de erradicación do chabolismo, o servizo de mediación para a poboación xitana, itinerarios de inclusión básica, un plan de formación para inmigrantes para o coñecemento dos valores da sociedade de acollida, alfabetización nas linguas oficiais de Galicia e asesoramento legal en materia de estranxeiría.

Entre as accións subvencionadas por esta liña de apoios, figuran os servizos de apoio á inclusión, servizos de mediación para a poboación xitana e inmigrante, programa de erradicación do chabolismo, asesoramento en materia de estranxeiría e formación para o coñecemento dos valores da sociedade de acollida e linguas para a poboación inmigrante.

Etiquetas