A Deputación formará a 60 lucenses no sector forestal e gandeiro

A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, presentou na Axencia de Colocación do Pazo de San Marcos, unha nova liña de formación para a reconversión profesional de 60 veciños en sectores produtivos da provincia que requiren de man de obra cualificada, como son no ámbito forestal e agrogandeiro. Así llo trasladaron á Responsable de Emprego as agrupacións profesionais destes sectores -Unións Agrarias, ASEFOGA e a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo-.

López Izquierdo explicou que en Lugo existe unha necesidade de persoal cualificado nas empresas dos sectores forestal, silvícola e gandeiro, que hoxe en día non hai. Tendo en conta esta situación, o Goberno decidiu pór en marcha esta programación para dar resposta á necesidade do tecido empresarial, crear emprego no rural e buscar unha solución á problemática do relevo xeracional que existe nestes ámbitos profesionais. Trátase da liña de capacitación profesional do DesenvolvendORural, o plan de Deputación de 2,2 millóns de euros para xerar emprego e poñer en valor o rural.

Unha vez rematados os obradoiros, estableceranse bolsas de emprego dirixidas a estes participantes. Espérase acadar logo do proceso formativo unha inserción laboral, como mínimo, do 80% dos participantes.

3 obradoiros con 900 horas de formación
López Izquierdo destacou que con esta liña de formación gratuíta, ofreceranse case 900 horas de formación a través de 3 obradoiros, cunhas 20 prazas cada un. Serán impartidos por Unións Agrarias, ASEFOGA e a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo, e terán lugar todos eles na cidade de Lugo nun horario de 9:00 a 14:00 horas. As persoas interesadas en participar nalgunha destas tres accións formativas poderán formalizar a súa inscrición a través da Axencia de Colocación da Deputación ata o vindeiro 30 de xaneiro. Os cursos son:

Formación para granxas de leite e carne (Unións Agrarias). É un obradoiro que conta con 365 horas de formación coas que os participantes recibirán as competencias para traballar en granxas de leite e carne. Divídese en 4 eixos temáticos: manipulación de fitosanitarios, benestar animal, seguridade e saúde no traballo. Tamén se afondará na rutina e actividades específicas do día a día nas explotacións de vacún de leite.

Formación básica forestal (ASEFOGA). Ofrece 200 horas de aprendizaxe para formar aos alumnos no ámbito do aproveitamento forestal. Engloba catro aspectos: método de repoboación, aspectos xerais da silvicultura, coidados culturais, seguridade e saúde no traballo, e as actividades específicas no desenvolvemento das labores nas explotacións forestais.

Formación en transformación da madeira (Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo). Dispón de 300 horas de formación encamiñadas a dotar aos traballadores participantes de competencias xerais precisas para traballar en empresas de transformación. O aproveitamento dos produtos forestais, manexo de equipos, máquinas e ferramentas en condicións de seguridade ou prevención de riscos laborais, son só algúns dos ámbitos nos que se formarán os participantes.

DesenvolvendORural

Estas accións formativas constitúen a cuarta liña de actuación do programa DesenvolvendORural, o 1º Plan de desenvolvemento integral da provincia. Trátase dun pioneiro plan, dotado de 2,2 millóns de euros, co que o Executivo da Deputación muda a súa política de emprego, dirixíndoa a promoción económica e social para impulsar e poñer en valor o rural lucense. Busca cumprir 2 obxectivos a longo prazo: xerar emprego e fixar poboación na provincia. Está composto por 4 liñas básicas de acción: tecendo emprego, plan de 1ª oportunidade, premios ao emprendemento rural e capacitación profesional.

Etiquetas