Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Destinados 103 millóns de euros en axudas da PAC a máis de 11.000 gandeiros

Por 14 Febreiro, 2019Sin comentarios

O pasado ano destináronse 103 millóns de euros ás axudas para explotacións agrarias  suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control no marco da Política Agraria Común (PAC), que beneficiaron a máis de 11.000 gandeiros da provincia de Lugo. Esta cifra supón un incremento do 12% con respecto aos pagos cuantificados no 2017. Estes datos poñen de manifesto a relevancia destas achegas para fomentar a competitividade do sector agrogandeiro lucense tanto polo número de beneficiarios como polo importe concedido.

Xa está aberta unha nova convocatoria para que os gandeiros soliciten os pagamentos da PAC correspondentes ao ano 2019, e o prazo de solicitudes está aberto entre o 1 de febreiro e o 30 de abril.

Polo que respecta aos datos da última campaña, o importe principal corresponde ás axudas directas, que sumaron 83,1 millóns de euros e inclúen o denominado pago básico, o pago verde, axudas vinculadas a cultivos para alimentación animal ou á produción de legumes de calidade, ás explotacións que manteñan vacas nutrices, vacún de cebo ou vacún de leite, así como ovino e caprino, e aos agricultores que inicien a súa actividade con menos de 40 anos.

Por outra banda, concedéronse axudas ás explotacións situadas en zonas con limitacións naturais, por unha contía global de máis de 9,5 millóns de euros. En terceiro lugar figuran as axudas agroambientais, por valor de  8,9 millóns de euros, para primar aos agricultores que aplican prácticas beneficiosas para o clima ou o medio ambiente. E por último, os pagos para a produción ecolóxica chegaron aos 1,4 millóns de euros na provincia de Lugo.

En canto á distribución por comarcas, a Terra Chá e Meira asumen 28,5 millóns de euros,  o 27% do total; a suma das áreas de Lugo, A Ulloa e a Montaña alcanza os 33 millóns de euros, o 32% do total; a comarca de Sarria recibe 18 millóns de euros, o 17% do total; a zona sur da provincia -Lemos, Chantada e Quiroga- suma 14,6 millóns de euros, o 14% do total; e finalmente a comarca da Mariña lucense rexistra 8 millóns de euros en axudas da PAC, o 7,8% do total.

Os cinco concellos da provincia que maior contía da PAC reciben son os de Sarria (5,3 millóns de euros), A Pastoriza (4,6 millóns), Paradela (4 millóns), Friol (3,8 millóns), e Guitiriz (3,7 millóns).