Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Abuso de confianza

Por 15 Febreiro, 2019Sin comentarios

Por Pablo Veiga

Falar ou escribir sobre a Banca –con maiúsculas- resulta complicado, complexo e ata, se nos apuramos, temerario. Fan falta uns coñecementos dos que normalmente carecemos a maioría e dispor de moita información (e formación) para atraverse a esbardallar sobre o tema. É inevitable asociar esa palabra a un significado, polo xeral, moi negativo; os acontecementos ós que asistimos na última década así nolo indican. Contemplamos tal que espectadores sen voz nin voto como se fusionaban grandes bancos, como se reconvertían as caixas de aforros e como desaparecían –ou mellor dito, quebraban- outros. Indignámonos pola estafa que supuxeron as preferentes e observamos atónitos como algún deses famosos banqueiros, dos que coñecemos perfectamente os seus nomes, desfilaban polos xulgados para seren enviados á choupela, condenados polas súa delictiva actuación.

Pero para o común dos mortais, a relación é co Banco, coa Caixa que temos nas nosas vilas, onde a pesares das modernidades actuais, polas que poden efectuarse todo tipo de operacións, desde pago de recibos ata transferencias, cun teléfono móbil ou un portátil, atopamos uns homes e unhas mulleres nos cales queremos confiar á hora de asesorármonos en que facer ou como facer co pouco ou moito diñeiro que nesas oficinas bancarias teñamos. Existe un grao de confianza nesa persoa que vemos ó outro lado do mostrador, á que lle supoñemos, primeiro unha profesionalidade e dominio da cuestión, e en segundo termo, o máis importante, presumímoslle unha honestidade e legalidade.

Lamentablemente, non sempre acontece así, senón todo o contrario. Casos existen e son de sobra coñecidos polo público. E tamén aquí, moi preto de nosoutros temos eses malos exemplos. Semanas atrás, nunha localidade da provincia saltaban as alarmas cando varios dos clientes estaban a descubrir que o “debe” e o “haber” non se correspondía co real. Tiña que haber, pero non había e os aforros desapareceran por arte de maxia, sen saber o motivo. A explicación foi doada de deducir: ese bancario –non banqueiro- que era o director e único empregado da oficina, abusou da confianza dos paisanos e non velou polo seu diñeiro, senón que se permitiu o luxo, presuntamente, de especular con el. A reacción dese Banco foi inmediata  e non dubidou en asegurar que non corrían perigo nin os depósitos a prazo fixo, nin os plans de aforro dos afectados; incluso respaldaban esta afirmación en que o acontecido nunha pequena oficina dun pobo non supuña un problema importante para o Banco. Evidentemente que non, xa que o balance de resultados amosa centos de millóns de euros de beneficios exercicio tras exercicio. A tranquilidade volveu ós afectados, veciños que en absoluto eran especuladores ou posuidores de fortunas, senón que eran pensionistas, gandeiros, xente traballadora, pequenos aforradores que apostaran porque o seu diñeiro quedara a bon recaudo. En definitiva, familias que fan pobo, que traballan e viven nel e ás que ninguén lles regalou nada. Isto semella ser, talvez, o máis triste do tema en cuestión. Se daqueles nos que confiamos  recibimos este tipo de patadas, mal estamos.