Artesanía chairega: a cerámica de Bonxe

Por Miriam Fernández

C ando os utensilios de plástico aínda non irromperan con forza na vida cotiá dos galegos, os cacharros de barro eran fundamentais para desenvolver as tarefas do día a día, tanto para transportar líquidos e sólidos como para cociñar e conservar os alimentos. As olas, as cuncas, os pucheiros, as nateiras, as chocolateiras, as xerras etc., eran elementos básicos e precisos en calquera casa, polo que a súa incesante demanda xerou dende épocas ancestrais importantes núcleos de produción en distintos puntos de Galicia, os cales se identificarían polos materiais e decoracións propias de cada zona.

A produción oleira foi en outros tempos unha actividade económica de relevancia, pois permitía complementar a predominante economía agraria de subsistencia cuns ingresos procedentes da comercialización destes cacharros, distribuídos directamente polos artesáns nas feiras da contorna ou mediante os  arrieiros, intermediarios que as despachaban o produto polos camiños e outros mercados ós que o fabricante non se desprazaba.

Das variadas localizacións nas que noutrora os artesáns do barro creaban as súas pezas, en Galicia destacan catro puntos que destacaron dende antigo pola súa fama, calidade e tradición cacharreira, converténdose nas coñecidas como as cerámicas ancestrais galegas por antonomasia: Gundivós (Monforte de Lemos), Niñodaguia (Maceda), Buño (Malpica) e Bonxe (Outeiro de Rei).

Afortunadamente a Chaira conta coa presenza dun destes famosos núcleos oleiros na parroquia de San Mamede de Bonxe, unha freguesía da que a súa tradición oral nos informa que o oficio se transmitiu por herdanza durante décadas, conservando como evidencia física máis antiga un documento de 1850 que corrobora este traballo, máis a similitude dos restos arqueolóxicos lucenses podería levarnos a un traballo que fonda moitísimo máis nas barreiras do tempo. A principios do século pasado o 90% da familias da veciñanza eran “cacharreiras”, pero a mencionada irrupción do plástico e doutros elementos modernos fixeron que pouco a pouco se abandonase o oficio artesán por non resultar rendible coma antes.

A día de hoxe queda só unha única “cacharreira” que por fortuna segue mantendo viva a cerámica de Bonxe, Pepa Lombao, herdeira dunha tradición familiar e da sabedoría de seu pai, Indalecio Lombao Gómez, recoñecido como Chairego de Honra polo seu labor oleiro. Pepa, combinando os coñecementos herdados coa súa formación en cerámica na Escola de Arte e Deseño de Lugo, segue a loitar dende o seu taller por manter esta cerámica ancestral, unha labor de recuperación etnográfica, conservación e difusión que se funde coa adaptación das pezas e o proceso á demanda dos tempos modernos, conxugando tradición con modernidade ou  a utilidade coa decoración e o luxo dunha peza única e artesá.

No seu taller tamén ofrece unha área adicada a museo onde se expoñen diferentes pezas de diversa antigüidade e función,  mostrando a mistura tradicional dos dous tipos de barro das canteiras da zona e a súas decoración coas características barras horizontais e medias lúas que identifican esta cerámica.

Verdadeiramente merece a pena achegarse ata Bonxe para gozar deste “recuncho” de sabedoría, unha tradición secular  que segue a manterse viva gracias ás mans dunha muller que leva orgullosa o selo dos cacharros da Chaira por todo o mundo.

Etiquetas