Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Dor televisado

Por 15 Febreiro, 2019Sin comentarios

Por Lara Real Lema

13 de novembro de 1992 tres rapazas de entre 14 e 15 anos chamadas Miriam, Toñi e Desiré, desapareceron tras facer auto stop para acudir a unha festa nunha discoteca na localidade veciña de Picassent.

O 27 de xaneiro de 1993 e tras unha intensa procura, apareceron os seus corpos. A brutalidade coa que foron asasinadas creou tal balbordo mediático que as cadeas pelexaron por facer un seguimento exhaustivo do caso que pasou a ser tristemente coñecido como o das “nenas de Alcasser”. A periodista Nieves Herrero trasladou o plató do seu programa “De tú a tú” ao teatro da localidade e as primeiras imaxes trala presentación, amosábanos a dor deses pais que horas antes coñeceran o tráxico final das súas fillas. Baixo a premisa de “imos compartir a súa dor” a presentadora facíanos partícipes de momentos que por respecto deberían quedar para a intimidade da familia. Case quince millóns de persoas viron aqueles especiais.  A Nieves Herrero pasáronlle a chamar Nieves Horrores e chovéronlle as críticas por prestarse a dirixir aquel espectáculo, e aínda que nun primeiro momento defendeu á súa postura, anos despois foi quen de recoñecer que aquel programa nunca tivo que ter lugar e que ela mesma tentou paralo sen éxito.

Tras o asasinato das nenas de Alcasser chegaron outros moitos, Rocío Wanikoff, Marta del Castillo, Diana Quer… e pese ao que o sentido común poida indicar, os medios seguiron, e seguen, ofrecendo o que eles definen como “o que o público reclama” e dicir, información detallada e datos irrelevantes non sempre contrastados, que nada importan para o caso.

O último exemplo o temos no caso do pequeno Julen, un neno de dous anos atrapado nun pozo de 70 metros. Horas e horas de televisión enchéronse de especulacións de todo tipo mentres que nun plano fixo amosábase un terreo árido con maquinaria traballando á espera de atopar o corpo do neno.

Que os medios convirtan un suceso como o de Julen no centro da actualidade pode permitir que o caso teña máis visibilidade e que se aporten máis recursos. Tamén é obvio que hai historias que merecen coñecerse, o traballo da brigada de rescate mineiro, a solidariedade do pobo de Totalán… pero o que nos amosou a televisión de xeito continuado foi una familia rota pola desesperación e unha presentadora molesta porque a nai “non quixo enfrontarse ás cámaras” ¿é preciso que eses pais teñan que amosarnos a todos a súa dor? ¿Onde está o límite entre a información e o morbo?

O interese por este tipo de noticias non é novo, o denominado sesgo de negatividade fai que no mesmo grao de intensidade unha emoción negativa teña máis peso no noso estado psicolóxico que unha positiva. É dicir, os estímulos negativos captan antes a nosa atención. O debate entón, debe centrarse en como os medios deben levar a cabo a súa función informativa tendo sempre en conta as vítimas. Por outra parte, ¿nós como espectadores actuaríamos igual se as vítimas fosen os nosos familiares? Se a resposta é non, é que algo estamos facendo mal.