Menús escolares

Por Marta P. Fandiño

Son moitos os pais que empregan o servizo de comedor escolar para os seus fillos, ben sexa por problemas de tempo ou porque queren que os pequenos aprendan a comer de todo e “vaian alimentados”, pero… como saber se o menú escolar é o adoitado?, as comidas do comedor son indispensables para ter unha alimentación saudable?

Que debe incluír o menú diario?

Para que o menú sexa equilibrado, debe conter ó longo da semana todos os grupos de alimentos e incluír a diario unha fonte de verduras alternando as crúas e as cociñadas.  Os alimentos fritidos ou ricos en azucre ou graxas saturadas e/ou trans, como croquetas, entremeses, luras á romana, cordon blue,  peixe fritido, pizza envasada, patacas fritidas ou de bolsa e receitas con salsa industriais, touciño e/ou chourizo, non deben estar presentes de maneira asidua na dieta escolar. Para aportar diariamente todos os nutrientes debe contar con tres partes, unha de verduras, unha de hidratos de carbono e outra de proteínas. As verduras poden presentarse en forma de ensalada, de puré, de pisto, asadas, á prancha, en minestra…xa sexan de primeiro prato ou de guarnición. O mesmo ocorre cós hidratos de carbono que están presentes principalmente nas patacas, na pasta, no arroz e nas fariñas e masas.  No grupo das proteínas atópanse a carne, o peixe, os ovos e tamén as legumes; sería recomendable que estas últimas aparezan polo menos dúas veces por semana, formando parte do primeiro ou do segundo prato pero sen graxas animais engadidas.

Bebida e postre

Auga e froita; este é o resumo das necesidades dos pequenos. A oferta de outro tipo de bebidas non resulta saudable, así como os postres azucrados. Pódese ofrecer iogur unha ou dúas veces por semana, pero sempre hai que permitir que sexa o cativo quen escolla entre o iogur ou a froita. A variedade de iogur máis recomendable é o natural, posto que as demais opción conteñen grandes cantidades de azucre.

Cantidades? As necesarias

Os escolares adoitan ter máis facilidade para distinguir a sensación de fame e de saciedade que os adultos, e contan cunha autorregulación en canto a cantidades. Como todo o mundo, tamén teñen as súas preferencias alimentarias; isto non debería ser un problema sempre e cando dispoñan doutras opción saudables que lles agraden máis. Tendo en conta estes dous feitos, os pais poden escoller que non se obrigue a comer ó seu pequeno no centro escolar. Por outro lado, hai rapaces que non controlan as cantidades dos alimentos que lles gustan e presentan certa ansiedade á hora de comer, nestes casos os pais poden solicitar que non se permita repetir ó seu fillo.

Non todo é a comida do comedor

Aínda que en ocasións as comidas do centro poden non ser equilibradas, a alimentación dos pequenos non ten por que verse afectada, posto que as inxestións do comedor son menos do 15% das comidas semanais. Diariamente 4 de 5 comidas son responsabilidade da familia: almorzo, media mañá, merenda e cea, isto sen contar os fins de semana; polo tanto, que un neno teña unha alimentación saudable dependerá principalmente da familia. Ter a disposición diversos alimentos saudables na casa, permite ós cativos escoller opcións adoitadas en base ós seus gustos, fame ou apetencia. Débese evitar ter e ofrecer alimentos graxos ou ricos en azucre como cereais, galletas, bolos, pratos precociñados, fritidos… de maneira diaria ou incluso semanal. Este tipo de alimentos, así como os refrescos, deben reservarse para momentos inevitables como pode ser o aniversario dun amigo, unha fin de semana de viaxe, unha festa familiar, etc.  Tamén resulta interesante organizar as ceas en función das comidas do centro para así evitar que se repitan os grupos inxeridos durante o almorzo e que falten outros. A froita non pode faltar, deben estar presentes un mínimo de 3 pezas diarias.

Etiquetas