Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Traballadores contra a súa clase

Por 15 Febreiro, 2019Sin comentarios

Por Raúl Río

Debido aos últimos conflitos laborais, contra o peche de Alcoa e polo convenio de Endesa, escribíronse cousas nas redes sociais e comentarios nos periódicos impropios da mente de calquera traballador que teña un mínimo de materia gris debaixo da pucha.

Co permiso de vostede, voume permitir relatar dous casos como exemplo do que, debido a súa ignorancia, foron capaces de dicir algúns deles:

Un tal Mario escribía un comentario nun diario sobre os traballadores das Pontes dicindo que encima de cobrar boas xubilacións so faltaría que desfruten da luz gratis á conta do resto dos abonados. Seguro que non sabe que o neoliberalismo potencia a precariedade laboral para que as empresas teñan mais beneficios e ao mesmo tempo utiliza esa precariedade para facer inviable o sistema de pensións públicas e a Seguridade Social, afogándoas economicamente debido ás baixas aportacións das empresas e os salarios de miseria dos traballadores.

Non pensa que si teñen boas pensións de xubilación é porque cotizaron no seu tempo o que correspondía para poder cobrar agora esa cantidade, que si todos tivéramos uns soldos decentes e unhas boas cotizacións, non perigaban nin a Seguridade Social nin o sistema de pensións, e tamén el podería cobrar no seu día unha pensión como é debido, pero é de inocentes e incautos pensar que nos van baixar a luz porque lle fagan pagar o recibo aos xubilados de Endesa, xa que tampouco a pagaban cando a Empresa era pública e o prezo da luz subiu mais dun noventa por cento desde aquela, porque baixadas non hai e as subidas non dependen diso, senón que se deciden no seu Consello de Administración en base á avaricia sen límites da Empresa, por recomendación de Xosé María Aznar, que foi quen a privatizou e cobra por elo 200.000 euros anuais que nos encarecen a luz sen necesidade, ademais de cobrar tamén unha pensión do Estado de  80.000 euros o ano que pagamos entre todos. Pero parece que a este non lle teñen perda deles, como si eses cartos non tiveran influencia na nosa economía.

A continuación, Alberto, aínda mais exaltado, como si competiran entre si a ver quen dicía a estupidez mais gorda, afirmaba que non escoitara a ninguén das Pontes que os defendese, porque seica destruíron moitos postos de traballo. Despois enumeraba unha serie de dereitos e beneficios deses traballadores, que non sei si son certos ou non, pero, aínda que o foran, penso que serían os mínimos que deberamos ter todos os traballadores.

Afirmaba que no Gadis cóbranlles mais barato, teñen becas para a Universidade e casas de protección oficial, luz gratis e mil privilexios mais que non enumera.

Xa sabemos que as empresas mais fortes e con mais cantidade de traballadores sempre tiveron soldos mais altos e desfrutan de mais beneficios sociais, debido a un maior poder de confrontación e maior arraigo sindical que as empresas pequenas. Pero, queiramos ou non, estas empresas crean riqueza, elevan o nivel de vida das zonas onde están enclavadas e sempre serviron de referente para as reivindicacións das outras mais pequenas do arredor.

Penso que de facer a igualdade cumpriría facela igualando os salarios e os dereitos sociais por arriba, pero para este Alberto a solución sería ao revés: Ademais de quitarlle os beneficios sociais, tiñan que facelos mileuristas, e aquí paz e despois gloria, porque seica xa é hora de acabar cos privilexios e rematar con tanta bicoca.

Abraham Lincoln dixo que as veces é mellor estar calado e parecer estúpido que abrir a boca e disipar as dúbidas, pero este tipo de traballadores son tan inconscientes que presumen da súa ignorancia e da envexa que senten por aqueles, que a base de loitas conseguiron convenios e dereitos sociais dos que por desgraza non gozan eles.

É unha pena que debido á súa ineptitude, os medios de comunicación e propaganda do sistema fagan confundir a estes compañeiros os seus propios intereses cos de quen os explota.