Skip to main content
Actualidade

As axudas ao teatro profesional da provincia da Deputación duplícanse ata os 50.000 euros

Por 28 Febreiro, 2019Sin comentarios

A deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, presentou no Centrad as axudas directas que ofrece o Goberno da Deputación ao teatro profesional da provincia que este ano chega ata os 50.000 euros, duplicando o seu investimento con respecto ao ano pasado. Fíxoo nun encontro con representantes deste sector, no que participaron Concelleiros de Cultura e técnicos municipais, así como entidades e asociacións implicadas nesta programación, co fin de poñer en común toda as iniciativas das compañías lucenses que participan neste proxecto.

García Porto avanzou que “o programa Proscenio está dirixido as compañías profesionais de teatro de carácter privado e con domicilio fiscal na provincia de Lugo. A través deste proxecto, que celebra a súa segunda edición, ademais de incentivar as compañías lucenses, contribuímos en mellorar a programación cultural, ofrecendo teatro profesional por toda a provincia, para que sexa asequible a todos os públicos”.

A deputada explicou que “o calendario de actuacións de representación das compañías lucenses será dende o 4 de maio ata o 31 de decembro de 2019, e o caché de cada representación dependerá da tipoloxía e natureza das obras, que oscilarán como máximo entre os 4.000 e os 5.500 euros. Os Concellos ou Asociacións sen ánimo de lucro que desexen participar nesta iniciativa deberán aportar o 50% de cada actuación, e o restante correrá a cargo da Deputación”.

García Porto informou ademais que, trala publicación das bases no BOP, todos os axentes interesados, tanto Concellos, así como as Asociacións e as compañías de teatro, teñen de prazo ata o 13 de marzo para presentar toda a documentación necesaria para participar neste proxecto. Ademais na web da Deputación, http://www.deputacionlugo.gal/, hai un banner con toda a información a complementar sobre esta convocatoria.

Na pasada edición do programa Proscenio participaron un total de 6 grupos profesionais da Provincia que representaron un total de 11 obras. Foron concretamente 11 programadores os que participaron neste circuíto, 2 asociacións e 9 concellos, entre os que se repartiron un total de 16 actuacións, que se desenvolveron entre o 2 de novembro e o 29 de decembro do 2018. Deste xeito a programación de teatro profesional da Deputación chegou aos Concellos de Sarria, Pol, Monforte de Lemos, Triacastela, Quiroga, Pantón, Viveiro, O Vicedo e Lourenzá.

Para realizar o calendario de Proscenio, a Deputación constituíu unha comisión técnica que será encargada de analizar a presentación de solicitudes, tanto das peticións de actuacións nos diferentes Concellos e Asociacións, como as inscricións dos grupos de teatro de acordo co establecido nas bases deste convocatoria. Ademais, esta comisión tamén será a encargada de encaixar as necesidades dos Concellos, asociacións e dos grupos teatrais.