Aumentan as cuantías para as axudas a deportistas individuais da Deputación

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, avanzou que o Executivo da Deputación aprobou en Xunta de Goberno a nova convocatoria de axudas a deportistas individuais lucenses, aumentándoas nun 20%. Son un total de 185 bolsas que se distribuirán en réxime de concorrencia competitiva e que suman, no seu conxunto, 85.500 euros. O prazo de solicitude das mesmas abrirase, probablemente, nas vindeiras semanas, logo da súa publicación na Base Nacional de Subvencións e no BOP.

Rivera Capón destacou que “trátase da contía máis alta de axudas a deportistas individuais que ofrecemos, pois queremos recoñecemos o esforzo dos nosos deportistas, que son os mellores embaixadores que podemos ter, pois levades o nome de Lugo e da nosa provincia por todo o territorio nacional e estranxeiro.

“Somos conscientes das dificultades que supón hoxe en día a práctica deportiva profesional, polos elevados custes de desprazamentos, inscricións en competicións ou material técnico, dificultades que se incrementan no caso dos deportes individuais, por iso quixemos estar ao voso carón e axudarvos, na medida do posible, con estas axudas”.

Son axudas de concorrencia competitiva, que van dos 300 aos 1.500 e aos que todos os deportistas lucenses interesados poderán concorrer. Na súa concesión, teranse en conta aspectos como os resultados acadados en competicións internacionais, estatais, galegas e provinciais, así mesmo valóranse a integración grazas as bolsas dedicadas integramente a deportistas con capacidades diferentes.

Etiquetas