Riotorto e Cospeito terán unha nova estación meteorolóxica

Estase a traballar na modernización e actualización dos dispositivos para ao seguimento e información meteorolóxica e de calidade do aire, polo que ao longo do mes de marzo se instalarán 12 novas estacións meteorolóxicas e 21 pantallas de información en case 30 concellos galegos.

Así, procederase á instalación de 12 novas estación meteorolóxicas nos concellos de O Valadouro (2, co casco urbano e Cadramón), Riotorto, Cospeito, Mondariz, Porriño, Portomarín, As Neves, Monforte, Laxe, Baiona e Forcarei; mentres que as pantallas de información disporanse nos municipios de Santiago de Compostela (dúas pantallas), A Coruña, Ourense, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Monforte, Verín, Ribadeo, Baiona, Lalín, Porto do Son, Ribeira, Sanxenxo, O Grove, Foz, Fisterra, O Cebreiro, Sarria e Melide.

As novas estacións ampliarán a actual rede de estacións meteorolóxicas, composta por mais de 150 dispositivos meteorolóxicos instalados por toda a xeografía galega; para o seguimento meteorolóxico, a detección de fenómenos adversos meteorolóxicos, a elaboración da predición meteorolóxica e fines climáticos e agrometeorolóxicos.

Estas están dotadas con sensores de velocidade e dirección do vento, humidade, presión, choiva, temperatura exterior e tamén temperatura no interior do chan e sobre o chan (a 10 cm de profundidade e a 10 de altura sobre o solo).

A previsión é iniciar nos próximos días a instalación das mesmas, traballos que rematarán a finais deste mes, e a partir dese momento os datos estarán dispoñibles a tempo real na páxina web de MeteoGalicia (www.meteogalicia.es) e tamén na aplicación móbil de MeteoGalicia.

Asemade, outra liña de actuación céntrase na instalación e posta en marcha de 21 pantallas dixitais, co fin de mellorar a información á poboación no eido da calidade do aire e a meteoroloxía. Estes dispositivos tamén permiten a facer públicos outras cuestións de interese para a cidadanía, como os avisos ante fenómenos meteorolóxicos extremos ou posibles eventos sobre a calidade do aire.

Estas pantallas, co-financiadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, serán instaladas e postas en funcionamento en varias cidades e pobos de Galicia, en distintos puntos de interese.

A información que proporcionarán as pantallas será específica para o lugar pero tamén para o tipo de localización, diferenciando a información de interese segundo a zona -costa (temperatura da auga, ondas, mareas…) ou interior- e estación cálida ou fría -será diferente no verán e no inverno- e haberá un apartado especial dedicado aos avisos meteorolóxicos e de calidade do aire.

Etiquetas