A lista continúa

Por Pablo Veiga

E non ten trazas de parar. Estamos a referírmonos ás mortes acontecidas en diferentes puntos do País, podando ou cortando árbores, no que levamos de ano. Xa son media ducia os homes que van aló realizando eses típicos traballos de campo que, como moitos outros, levan consigo certa perigosidade, aínda que sendo considerados rutinarios non se toman as medidas de seguridade axeitadas. Despois de cada fatal accidente, onde as vítimas están a ser de diferentes idades, desde novos ata vellos, achácase á mala fortuna, ó destino –tíñaa aí-, pero polo xeral é a imprudencia a causa principal.
Calquera actividade laboral conleva riscos, en maior ou menor medida, sobre todo cando manipulamos maquinaria, ou temos que realizala nun terreo non uniforme ou subirnos ás alturas. O traballo de podar e talar non debería tomarse a broma e cumpriría tomar unhas precaucións acordes ó que se vai realizar. Incluso o sector da madeira, onde se presume unha profesionalidade, estanse producindo accidentes con resultado de morte. Neste punto reiteramos unha e mil veces máis a falta de concienciación en todo o referido á prevención de riscos laborais, un auténtico debe no agro galego. Cando vemos nos medios de comunicación unha visita insitucional a unha infraestrutura en obras, sexa unha estrada, un edificio, etc. e observamos as autoridades paseando cun casco marelo na cabeza, provoca a lóxica brincadeira, mais non o é en absoluto. Temos unha asignatura pendente que non somos quen de aprobala porque en xeral, nin a preparamos, nin temos interese en pasar o correspondente exame.
Xorden varias questión a ter en conta, a primeira se dispoñemos de formación para poñernos a traballar con algunhas máquinas, como por exemplo as motoserras. Acaso asistimos a unha mínima charla sobre o modo de utilizala e como evitar accidentes que, nalgúns casos poden ser moi graves… A segunda, temos consciencia suficiente de que esas actividades que os nosos ancestros realizaban habitualmente poden xerar perigo… E por último, queremos aprender a evitar posibles males nesas tarefas cotiás do campo ou seguimos igual… Se o pensamos ben e imos respostando unha a unha, sae un non –salvando excepcións- rotundo.
Resulta inaceptable esa cifra de mortos en apenas sesenta días de ano, algunhas delas tamén na nosa bisbarra e arredores. Son falecementos que se podían ter evitado se simplemente fósemos quen de seguir unhas mínimas precaucións. Insistimos novamente -e non pararemos de facelo- na necesidade de desenvolver todo un plan que inclúa a formación en prevención de riscos laborais. É imprescindible levar a cabo esa labor de concienciación; cómpre educar a aqueles que, ben de forma habitual ou ben esporadicamente, se poñen a realizar estas labouras agrícolas. De non facelo, moito nos tememos que nos vindeiros meses precisaremos algo máis cós dedos das mans para contar os membros desa fatídica lista. Entón virán as lamentacións.
Queda pendente a análise doutra lacra do agro galego, como é os accidentes mortais de tractor. Outra triste realidade que nos sacude a cotío. Pero, para outra ocasión.

Etiquetas