Hanna

Por Lara Real Lema

Fai algo máis dun mes aparecía no Facebook da asociación “Os peludiños” de Vilalba unha publicación na que indicaban que precisaban casas de acollida para que os cans que tiñan ao seu cargo puidesen pasar a ola de frío que se aproximaba, no calor dunha casa.
Entre as fotos que aparecían, unha chamoume a atención, unha cadeliña branca de ollos tristes. Así como que non quere á cousa, deixei caer que poderíamos traela para casa durante un tempo, xa temos dúas, pero ¿quen podía resistirse?.
Falamos cunha das rapazas que levan a asociación e fumos a coñecer a Hanna, “non é sinxelo” nos dixeron. E é verdade, Hanna ten moito medo, trema por todo, ás veces gruñe e non te mira case nunca, pero cando o fai, eses olliños transmiten que a súa vida ata o de agora, non debeu ser fácil.
Durante unhas semanas Hanna e máis eu saimos a pasear os fins de semana para afacernos a unha coa outra, as veces non quería andar, outras parábase en seco ante calquera ruído, se a acariciabas por sorpresa asustábase… e o que me parecía máis incrible de todo, non quería chuches, eses premios que volven tolas as miñas outras cadelas a ela dábanlle igual, só tremía e metía o rabo entre as patas.
Cando trouxemos a Hanna para casa aínda tardou uns días en afacerse ao seu novo entorno, ao principio non quería saír da cama que lle puxemos, tremía cando cruxía o chan, cando chamaban ao timbre ou cando escoitaba algún ruído. No prazo dunha semana foi collendo un pouquiño de confianza, asomaba o fuciño pola porta e achegábase ata onde estábamos, aínda que despois volvera para o seu sitio… Todo parecía ir ben.
O sábado pasado mentres paseábamos algo asustouna, soltouse do arnés e escapou, só me deu tempo a ver o seu rabiño branco alonxarse cada vez máis á presa. A sensación de culpa que tiven foi inmensa. A buscamos durante todo o día coa axuda das rapazas da asociación que tentaban calmar a miña sensación de profunda inutilidade no coidado de aquela cadeliña tan temerosa. “Non te preocupes, xa verás como aparece” dicíanme. Eu tamén mo repetía a ver si era capaz de créelo, aínda que fose só un pouquiño. E apareceu, non tardou moito, o día seguinte estaba diante da porta do refuxio. Toda a culpa do día anterior converteuse en ledicia cando nos avisaron de que aparecera. Fomos a buscala e a trouxemos de novo con nós.
Ter un animal ao noso cargo supón ademais dunha responsabilidade, un proceso de adaptación que debemos superar e que inclúe coñecer e aceptar as características da nosa mascota e estar dispostos a superar obstáculos.
Se aínda non sabes se estás preparado para adoptar definitivamente, podes facerte casa de acollida ofrecendo de xeito temporal a túa casa a un deses animaliños sen fogar. Se pensas que non vas ter tempo ou o teu entorno non acepta a idea, tamén podes colaborar nas tarefas de limpeza e coidado facéndote voluntario ou apadriñando a algún deles, as opcións para axudalos son múltiples ¿anímaste a botarlles unha man?

Etiquetas