Skip to main content
Actualidade

Abre o prazo para solicitar as axudas do Bono Coidado

Por 15 Marzo, 2019Sin comentarios

A Consellería de Política Social mantén aberto ata o 2 de agosto o prazo de solicitude do Bono Coidado, un programa que inclúe axudas directas para contratar a unha persoa coidadora da filla e fillo ante necesidades puntuais.

O programa posto en marcha en 2016, presenta como principal novidade na convocatoria deste ano que as nais e pais solicitantes poderán destinar esta axuda económica a pagar o custe dun servizo de coidado infantil non continuado, como por exemplo as ludotecas e outros espazos infantís, a diferenza do que acontecía ata o de agora que se limitaba exclusivamente a servizos domiciliarios.

O Bono Coidado conta cun orzamento inicial de 1,2 millóns de euros (ampliables para atender todas as solicitudes que se reciban) e del poderán beneficiarse as persoas con nenos e nenas menores de 12 anos que residan en Galicia e que conten cunha renda da unidade familiar que non supere os 45.000 euros ou os 13.500 euros per cápita.

Subvencionaranse un máximo de 80 horas por familia para o totalidade do período de vigor da convocatoria, que cubrirá os servizos recibidos entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de novembro de 2019. O número de horas incrementarase un 15% por cada nena ou neno menor de doce anos.

A contía da axuda estará determinada polos seguintes tramos segundo a renda per cápita familiar: ata os 3750 euros obterán unha axuda de 14 euros por hora de servizo a contratada, ata os 7.500 euros será de 11 euros por hora, as familias con renda per cápita ata os 10.000 euros terán unha achega de 9 euros por hora de coidador e para aquelas de máis de 10.000 euros, e sempre que non supere o tope establecido, a subvención por hora de servizo de coidador contratada será de 7 euros. Ademais, as mulleres vítimas de violencia de xénero recibirán en todo caso a contía máxima da axuda con independencia da renda per cápita familiar.

O Bono Coidado foise mellorando progresivamente, para axustarse ás necesidades das familias. Por exemplo, na actualidade os proxenitores poden inscribirse cando se abre a convocatoria nunha bolsa de horas, que contempla un máximo de 80 salvo en familias con máis dun fillo, nese caso elévase a 92.

O abono da axuda farase efectivo logo de achegarlle á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente a solicitude e as facturas orixinais da contratación do servizo acompañadas do xustificante bancario que acrediten o seu pagamento, aínda que tamén se aceptará a xustificación do pagamento en efectivo do servizo mediante un recibín do coidador. Deberase presentar tamén xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda.