Tráfico desenvolverá unha campaña especial de prevención de atropelos en estradas

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presentou unha campaña que pon en marcha a Dirección Xeral de Tráfico para mellorar a seguridade dos peóns nas estradas da provincia. O acto tivo lugar na N-VI, ao seu paso polo municipio de Guitiriz. Na presentación, a subdelegada do Goberno estivo acompañada polo xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez; o tenente xefe do destacamento de Tráfico da Garda Civil en Lugo, Diego Orviz, e pola alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín.

A subdelegada do Goberno explicou que a Dirección Xeral de Tráfico desenvolverá, nas estradas da provincia unha Campaña especial de prevención de atropelos en estrada co obxectivo de concienciar aos peóns da importancia de facerse ver na estrada.

Con esta campaña, a DXT trata de sensibilizar aos peóns dado o número de peóns que sofren atropelos. No ano 2018, a estatística de persoas mortas por atropelo en estradas interurbanas de Galicia –na que non se computan os accidentes en travesías ou vías urbanas- pechouse con 14 vítimas mortais, 9 peóns faleceron en vías convencionais e 5 en autovías ou autopistas, neste caso foron persoas que por algún motivo sairan do seu vehículo e estaban no arcén. No que vai de ano, xa son 7 os peóns que perderon a vida atropelados en estradas galegas.

Nas estradas interurbanas da provincia de Lugo, o ano pasado faleceu 1 peón, 7 resultaron feridos graves e 15 sofriron feridas leves. No que vai de ano, ata o día 19 de marzo, xa houbo unha morte por atropelo, 1 peón resultou ferido grave e 2 leves.

O obxectivo desta campaña é fomentar entre os peóns hábitos de comportamento que aumenten a súa seguridade cando camiñan polas estradas, como pode ser o uso de elementos reflectantes. Con esta finalidade, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda civil entregarán chalecos de alta visibilidade e reflectantes aos peóns que se despracen polas vías sen facer uso deste tipo de prendas e tamén os entregarán a aqueles condutores que abandonan momentaneamente os seus vehículos para facer algún reparto ou xestión, como é o caso dos repartidores.

Ademais, Tráfico lembra aos condutores a obriga de levar aceso o alumeado do vehículo no caso de meteoroloxía adversa para facerse visibles ao resto dos usuarios da vía, e moderar a velocidade en zonas de movemento de peóns como poden ser as travesías ou zonas con vivendas.

Etiquetas