Arrinca unha serie de reunións para avanzar no proxecto de recuperación da Vía Rexia do Norte

O Museo do Castro de Viladonga acolleu unha reunión con asociacións dos dez galegos e asturianos que percorre a Vía Rexia do Norte. Nela explicouse aos representantes asistentes (máis de 50 persoas) os traballos realizados dende fai 3 anos por parte do grupo de traballo formado polos concellos vinculados con este itinerario, o Museo do Castro de Viladonga, a Deputación Provincial de Lugo e varios particulares (técnicos, historiadores, arqueólogos, etc).

A continuación, a empresa de enxeñería Xelda Eido Rural, encargada de levar a cabo o proxecto de recuperación e posta en valor, expuxo o traballo a realizar nos vindeiros meses deste ano 2019.

O punto principal desta reunión era establecer contacto coas asociacións vinculadas con este camiño, para servir de filtro e coordinación coa poboación local, chegando desta maneira a un maior número de veciños.

O obxectivo é colaborar co proxecto para incrementar a recollida de información que avale o estudo que se está a facer a nivel bibliográfico, documental, territorial, patrimonial, etnográfico, etc.

“A parte etnográfica e a memoria histórica oral e colectiva é algo que non aparece reflectido documentalmente na maioría das ocasións, e que é importantísimo á hora de valorar e estudar a información achegada e o territorio no que se traballa e os veciños son propietarios dun saber fundamental, ás veces por medio de fotografías antigas, escrituras de fincas onde aparecen lindes que identifican este camiño, ou coñecedores da toponimia e microtoponimia, elementos patrimoniais, xeográficos, etc., que vinculan directa ou indirectamente o entorno coa traza na que se está a traballar”, explicaron.

Por este motivo se fixo un chamamento a toda a veciñanza que poida aportar información e estableceuse un calendario de reunións a nivel local, repartidas por concellos, de forma que nesas xuntanzas se poida estudar máis a fondo os mapas cartográficos do itinerario, e ampliar e corroborar a información que se ten xa rexistrada.

Estas reunións comezarán o 29 de marzo no concello de Riotorto. Seguirán a de San Tirso de Abres, Meira e Pastoriza, Vegadeo, A Pontenova, Castro de Rei, Castropol, Pol e Lugo.

Este proxecto foi ben acollido polos asistentes á xuntanza, que mostraron grande interese, cunha actitude colaboradora e participativa.

Nesta reunión, recordouse dun modo especial ao cura de Castro de Rei, Xosé Manuel Carballo, que formou parte do grupo de traballo dende o momento da súa formación (en febreiro de 2016), e que sempre tivo presente e reivindicou a necesidade de vincular á poboación por medio das asociacións veciñais e culturais, posto que a participación no proxecto é fundamental para a recuperación e a obtención do recoñecemento como Camiño de Santiago desta Vía Rexia do Norte, que é o obxectivo final.

Etiquetas