Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

O SLG convoca una concentración dos perxudicados pola fauna salvaxe

Por 9 Abril, 2019Sin comentarios

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa) fixeron público hoxe, 8 de abril, un acordo de colaboración para demandar solucións aos danos da fauna salvaxe na Galiza e anunciaron unha manifestación conxunta para o día 8 de maio. Desta maneira, o SLG suspende a convocatoria de protestas que tiña prevista para esta mesma semana, o 11 de abril.

O anuncio foi feito nunha rolda de prensa en Lugo na que participaron, por parte do SLG, a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, e o técnico especialista en fauna salvaxe, Brais Álvarez; e, por parte de Aperfasa, o seu secretario, Andrés Saavedra, e o seu presidente, José Antonio Muíño.

Un dos puntos de acordo entre ambas organizacións é que, diante da evidencia de que existe unha verdadeira praga dalgunhas especies salvaxes que derivan nun grande incremento dos danos que causan, é necesario que a Administración deseñe plans para reducir as súas poboacións e manter un control estrito sobre elas. “O que non se pode consentir é que a propia Consellaría de Medio Ambiente non teña censos actualizados e completos das especies que máis danos causan, como xabarís ou lobos. E, ademais, tamén precisamos que se reduzan os danos sobre as granxas de maneira urxente porque moitas están ao límite e a situación non fai máis que empeorar”, explicou a secretaria xeral do SLG. Neste senso, Isabel Vilalba lembrou unha vella demanda da organización agraria, como facer que a Xunta sexa a responsábel civil subsidiaria do 100% dos danos causados pola fauna salvaxe; e volveu chamar a atención sobre a transmisión de enfermidades a través da fauna salvaxe coma a peste porcina africana, tuberculose ou lime (ver antecedentes en bit.ly/11abrilFaunaSalvaxe).

Pola súa banda, o secretario de Aperfasa, Andrés Saavedra, lembrou que os danos da fauna salvaxe están a ser cada vez máis abondosos, con algunhas granxas que acumulan perdas do 80%. Dende a creación deste colectivo, mantivéronse varias xuntanzas coa Consellaría de Medio Ambiente pero, a pesares de acadar algúns compromisos que están pendentes de cumprirse, estes “son moi insuficientes. A redución dos danos pasa pola redución das poboacións, especialmente en especies como o xabaril e o lobo, para garantir a convivencia coa fauna salvaxe. Non pedimos o exterminio de ningunha especie; só pedimos que sexa posible a convivencia entre os animais silvestres e a actividade agrogandeira. E, hoxe en día, esa convivencia non é posible. As nosas estimacións apuntan a que hai unhas 2.000 granxas na Galiza que están ao borde do peche por problemas coa fauna salvaxe”.

Por parte de ambas organizacións, anunciouse que, nos vindeiros días, celebrarán contactos con diferentes organizacións do sector agrario e gandeiro e varios encontros de traballo para acordar unha táboa reivindicativa común que se fará pública antes da manifestación do 8 de maio.